InicioSociedadeOs Xefes de Servizo da atención primaria non dan volta atrás tras...

Os Xefes de Servizo da atención primaria non dan volta atrás tras dimitir “a causa da súa precariedade e abandono”

Aseguran que só se reformularán a decisión se dimite a dirección da EOXI e piden o apoio dos seus compañeiros doutras zonas

PUBLICADO O

Un total de 23 dos 25 Xefes de Servizo e Unidade da área sanitaria de Vigo acordaron presentar este mércores a súa dimisión “irrevogable” ante a situación de “precariedade” e “abandono” da Atención Primaria que reverten “negativamente” na atención aos pacientes tras unha reunión mantida este martes na cidade olívica.

En rolda de prensa, os responsables sanitarios lembraron que a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) non aceptara a renuncia presentada en decembro aos seus cargos de libre designación ao argumentar que a súa participación era necesaria. Con todo, un deles, Luciano Garnelo, lamentou que a administración sanitaria tardase en recoñecer o problema e que insinuase que a renuncia estaba relacionada con “intereses políticos”.

Precisamente a semana pasada tivo lugar unha reunión entre os xefes de servizo e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que os primeiros abandonaron ao entender que non se produciu a “interlocución” desexada debido á asistencia dos cargos da EOXI. Aínda que esixiron a dimisión da dirección, segundo trasladaron, Almuiña non aceptou esta demanda.

Así mesmo, o conselleiro, tras avanzar que “un 20 ou 30%” dos 17,3 millóns que se destinarán para equiparación nos próximos dous anos serán para a área de Vigo, asegurou que se comprometeu a realización dunha nova reunión, aínda que sen data. En canto a este orzamento, os profesionais sanitarios preguntáronse mediante un comunicado que parte do mesmo destinarase á modernización dos equipos xa que, segundo denunciaron, a maior parte deberá paliar a “nula ou escasa” reposición dos últimos anos.

Manifestación pola sanidade en Vigo/ Miguel Núñez

Mentres, Luciano Garnelo criticou que, nun principio, non se lles convidou a participar nos grupos de traballo creados pola Consellería de Sanidade co obxectivo de buscar solucións. Ademais, afirmou que, tras ser chamados a colaborar nos mesmos, non se integraron nas reunións por considerar que se trataba dun modo de dilatar a toma de decisións efectivas.

Nesta liña, a xefa de servizo Pilar Cobas argumentou que a Oferta Pública de Emprego (OPE) convocada para 2018 e 2019 –e que busca completar un 116 por cento das prazas– é adecuada, pero que se precisa dun proxecto a longo prazo para evitar que, tras uns anos, se volva a producir a situación actual de sobrecarga asistencial na Atención Primaria.

En canto á ampliación da idade de xubilación aos 70 anos, Cobas considerou que é difícil que se produza esta situación debido ao descontento dos traballadores, aos que lles resulta “difícil” soportar “as xornadas maratonianas” producidas pola sobrecarga asistencias e os desprazamentos en ambulancia.

Manifestación pola sanidade pública/ Miguel Núñez

En relación ao incremento das prazas de Médico Interno Residente (MIR) para este ano –a Xunta propuxo en Madrid realizar unha convocatoria extra–, os profesionais afirmaron que é complicado que se exerza o labor docente dun modo adecuado debido a que non hai capacidade en Atención Primaria nin a nivel hospitalario para soportar un incremento do 25 por cento destas prazas.

Adicionalmente, no comunicado remitido criticaron o novo modelo de contrato eventual, que segundo o conselleiro xa foi aceptado por distintos empregados, debido a que “non contempla o obrigatorio descanso despois dunha garda” e leva que “o 40 por cento do traballo non estea programado”.

Manifestación pola sanidade pública/ Miguel Núñez

Ante esta situación, os profesionais sanitarios aseguraron que non consideran que este proxecto configure un novo modelo de Atención Primaria, senón que, na súa opinión, trátase de “unha declaración de intencións para paliar a actual deterioración” do sistema sanitario galego.

Mentres, a Consellería de Sanidade sinalou que o novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria na estrutura do servizo galego de saúde e unha comisión do servizo na que se integrará aos xefes das distintas unidades. Ademais, nun comunicado, incidiu en que, desde este mércores, se incrementará o acceso a unidades diagnósticas.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...