InicioSociedadeVeciños de Teis e Chapela volverá manifestarse para pedir a eliminación da...

Veciños de Teis e Chapela volverá manifestarse para pedir a eliminación da peaxe en Rande

Reiteran que a AP-9 deber ser vía urbana desde Torres de Padín ata o centro de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As asociacións de veciños de Teis e Chapela convocaron unha nova manifestación o 23 de febreiro, ás 18,00 horas, para esixir a supresión da peaxe da AP-9 en Rande e para que se avance na conversión en viaria urbano do tramo de autoestrada entre Torres de Padín e o centro da cidade olívica.

Así o anunciaron este venres nunha rolda de prensa, na que constataron que pasou máis dun ano desde que o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, prometese a supresión da peaxe en Rande. Desde entón, denunciou o secretario da AA.VV. de Teis, Anxo Iglesias, non houbo “ningún xesto nin ningunha decisión do Goberno central”.

“Só hai escusas, de que hai que facer estudos de mobilidade, de tráfico, do impacto económico da medida, pero está claro que non houbo avances”, reiterou, e lamentou que “a única medida” que queda aos veciños é “saír á rúa”.

Ademais da supresión da peaxe, as entidades veciñais reclaman que se converta en vía urbana libre de pago o tramo da AP-9 que vai desde as Torres de Padín (na parroquia de Teis) ata o centro da cidade, e que se instalen as pantallas prometidas para paliar a contaminación acústica que sofren os veciños desta zona.

“DOBREMENTE AGRAVIADOS”

Pola súa banda, o presidente da asociación de veciños de Chapela, Marcial Pérez, lembrou que esta parroquia está a ser “dobremente agraviada” porque, ademais de ter que pagar peaxe na súa comunicación por autoestrada, tivo que sufrir as consecuencias da construción e, anos despois, da ampliación da AP-9.

“Levamos anos con estas reivindicacións, e todo o mundo dános a razón, pero ninguén fai nada”, subliñou, e fixo un chamamento á “implicación” de todos os veciños da comarca, así como de empresarios, transportistas e outros axentes económicos.

Finalmente, con respecto á pretensión do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que a conversión da AP-9 en tramo urbano se faga desde a Avenida de Buenos Aires (e non desde as Torres de Padín), as entidades veciñais reiteraron que elas non se opoñen aos accesos nesa avenida.

“Pero facelos só en Buenos Aires sería insuficiente, e provocarían máis colapso. Deben facerse tamén desde Padín e, mesmo, algún acceso máis”, sinalou Anxo Iglesias, quen lamentou o “descoñecemento” que Abel Caballero ten da realidade da parroquia.

ÚLTIMAS

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...

Un xulgado de Vigo falla contra a Sareb e permite a un veciño de Privada Moderna quedar no seu piso

A praza 7 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo fallou en...