A Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo acolleu este mércores a xornada de presentación dos resultados do proxecto HOLOPLUS, unha iniciativa desenvolvida polo sector, con cooperación de Anfaco, empresas de enxeñería e investigadores do Instituto Español de Oceanografía, para avanzar na explotación e comercialización do ‘pepino de mar‘ (holoturia).
Este proxecto supón dar continuidade a outra iniciativa posta en marcha hai uns anos, e pretende dar un paso máis aló das meras capturas e vendas, coa industrialización do procesado do recurso, tanto a bordo dos buques como en terra.
Segundo explicou, en declaracións aos medios, o enxeñeiro industrial José Luís Fernández, de Inpromar, traballouse no deseño de maquinaria que permita “estandarizar” o procesado da holoturia, para darlle valor engadido e exportalo, principalmente ao mercado asiático (onde hai gran demanda, e onde os procesos aínda se fan de modo artesanal). Así, poderíase eviscerar e conxelar o produto, antes da descarga en terra, onde se volvería a procesar, envasar e comercializar.
EVOLUCIÓN
Segundo destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que presidiu a xornada, o traballo do sector neste tipo de iniciativas acredita a aposta por unha pesca “cada vez máis sostible” e pola valorización de especies que, ata agora, non estaban no foco do interese comercial.
Así, Galicia comezou a explotar o ‘pepino de mar’ en 2015 e, desde entón, o volume de capturas multiplicouse por 22 (de 6.800 a máis de 150.000 quilos). Do mesmo xeito, a facturación por venda pasou de 17.000 hai tres anos a case 250.000 euros o ano pasado.
De feito, os plans de explotación tampouco deixaron de crecer desde que a Xunta regula a extracción e este ano hai cinco aprobados, para as confrarías de Vigo, Cangas, O Grove, Aldán e A Coruña-Barallobre (plan conxunto entre ambas).
ESTUDO CIENTÍFICO
Por outra banda, os investigadores que participaron no proxecto, dedicáronse a estudar “a bioloxía e ecoloxía pesqueira” da especie en augas de Gran Sol e no cantábrico noroeste, segundo detallou Xullo Valeiras, do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
As análises permitirán ter “mellor información” dun recurso “moi descoñecido”, e coñecer con máis detalle cuestións relativas ás tallas ou distribución xeográfica. “Trátase de pór unha base científica para unha pesqueira sostible”, apuntou Valeiras. Segundo explicou, os datos de que se dispoñen corresponden aos últimos 4 anos, “cando empezou a reterse e comercializarse” a holoturia, e evidencian que “non hai diferenza nas abundancias neste tempo”.
“HAI MERCADO E HAI DEMANDA”
Pola súa banda, o presidente da Cooperativa de Armadores, Javier Touza, explicou que a holoturia está a ter “gran aceptación”, sobre todo no mercado asiático, e a intención do sector é desenvolver agora os procesos de industrialización para sacarlle máis rendemento.
“Hai mercado e hai demanda”, sentenciou, e recordou que os armadores vigueses xa foron pioneiros na explotación doutras especies que, ata ese momento, eran descartadas, como o fletán ou o ‘marujito’. “Ésta é a vía, non hai que comer só pescada ou bacallau”, apostilou.
Segundo os resultados de HOLOPLUS, o investimento para a instalación de maquinaria que permita o procesado de ‘pepino de mar’ roldaría os 340.000 euros e alcanzaríase unha produción anual de holoturia conxelada de máis de 78.000 quilos (cun prezo estimado de 2,2 euros por quilo). A produción estimada en seco é de 4.231 quilos, aínda que o valor do produto é moito maior (76,40 euros o quilo).