InicioPolíticaGonzalo Caballero, Ana Pontón e Luís Villares denuncian a evolución negativa das...

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Luís Villares denuncian a evolución negativa das condicións dos traballadores

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou este martes aos traballadores a dar unha "resposta contundente" para "reconquistar os dereitos" que foron "roubados nos últimos anos".

PUBLICADO O

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais o portavoz de En Marea Luís Villares amosaron o punto de vista das súas formacións durante a celebración Do Día Internacional dos Traballadores.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo un “xiro ás políticas conservadoras da dereita” para lograr en Galicia un “emprego de calidade“. “Un cambio que ten que vir pola esquerda”, dixo.

En declaracións aos medios durante a súa participación en Vigo nunha mobilización con motivo do 1 de maio, Caballero apostou por dedicar esta xornada a “reivindicar e reclamar os dereitos dos traballadores” nun “momento no que en España e en Galicia” sofren “niveis de desigualdade crecentes”.

Por iso, defendeu as mobilizacións en defensa de “salarios dignos” e de “emprego de calidade”, en defensa de “pensións dignas” e que se “revaloricen” e en defensa da igualdade laboral entre homes e mulleres, entre outras cuestións.

“Desde o PSdeG reclamamos a aposta polos traballadores do país”, dixo Gonzalo Caballero, que lamentou que Galicia teña un “nivel diferencial” negativo en salarios ou pensións, algo que “non debería ser así nun país desenvolvido do século XXI”.

“Fronte ás políticas conservadoras da dereita, que aplicaron recortes continuos a favor do capital e implicaron retrocesos na calidade dos servizos públicos, reclamamos que necesitamos emprego de calidade, con garantías, en igualdade e sobre todo salarios dignos”, destacou.

bng

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou este martes aos traballadores a dar unha “resposta contundente” para “reconquistar os dereitos” que foron “roubados nos últimos anos”.

En declaracións aos medios durante a manifestación convocada en Vigo pola CIG con motivo do 1 de maio, Ana Pontón dixo que esta xornada é “para lembrar que os dereitos non os regalou ninguén”, se non que “se conquistan”.

“E ese é precisamente o espírito que hai que ter, reconquistar os dereitos que nos foron roubados nos últimos anos”, dixo Pontón, que acusou deste “roubo” tanto ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como ao da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “é incapaz de defender os intereses de Galicia”.

“Esa submisión a Madrid o que nos trae é máis paro, máis precariedade, máis emigración… un país onde temos unha inmensa riqueza e onde estamos a ver que esa riqueza non ten un goberno que sexa capaz de pór a producir e a defender os dereitos dos traballadores”, indicou Pontón.

Do mesmo xeito, a portavoz nacional do BNG dixo que as forzas políticas estatais “son incapaces de botar abaixo as reformas laborais que están a favorecer a precariedade” e animou aos traballadores a que sexan eles os que dean unha “resposta contundente” a través dunha folga xeral.

En marea

Pola súa parte, o portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou este martes que a situación laboral que vive Galicia é “inaceptable” e instou aos traballadores a “implicarse” nas protestas contra a “ditadura da precariedade laboral”.

Durante a súa participación en Vigo na manifestación con motivo do 1 de maio, Villares lembrou que os últimos datos da EPA revelan un aumento do paro en Galicia “tres veces superior ao conxunto do Estado”, o que “demostra que as políticas de precariedade teñen unha especial incidencia” na Comunidade.

Villares criticou a “absoluta perda de dereitos laborais como consecuencia” das dúas reformas laborais e asegurou que a creación de emprego na comunidade desde 2014 é “en condicións precarias”.

Para o portavoz de En Marea, a cidadanía galega “non pode acceder a un emprego digno”, dado que a taxa de temporalidade é do 89 por cento, á vez que alertou do incremento na sinistralidade laboral.

“Para nós isto non é aceptable, non podemos aceptar unha ditadura da precariedade laboral que faga que o conxunto dos traballadores non poidan ver un futuro”, dixo Villares, que pediu que se derroguen as reformas laborais e se poñan en marcha políticas activas de emprego.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...