O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que a cidade olívica contará de novo a partir de xuño co oitavo xulgado de instrución. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor explicou que o mes que vén aprobarase o Real Decreto de creación de 500 unidades xudiciais, un documento que inclúe o restablecemento do devandito xulgado en Vigo.
Abel Caballero subliñou que esta información lle foi trasladada directamente polo ministro de Xustiza, Félix Bolaños, co que mantivo un encontro en Madrid. Segundo indicou o alcalde, o Real Decreto incluirá tamén tres prazas na sección civil da cidade, reforzando así a estrutura xudicial viguesa para axilizar os procedementos pendentes.
VIVENDA
Doutra banda, o alcalde volveu poñer en valor o Observatorio da Vivenda para analizar o mercado e impulsar medidas, tras participar esta mañá na primeira reunión de traballo co equipo técnico. Este encontro prodúcese despois de asinar o acordo de colaboración coa Universidade de Vigo para poñer en marcha esta ferramenta.
A iniciativa permitirá monitorar de forma constante a evolución do mercado inmobiliario na cidade. O obxectivo principal deste organismo é estudar cuestións como o stock de vivenda, o estado dos inmobles en réxime de alugueiro e, de forma especial, a situación das vivendas baleiras no termo municipal para deseñar políticas eficaces neste ámbito.
