O Real Club Celta condenou os incidentes violentos ocorridos nas últimas horas na cidade, cando un grupo de encapuchados (que a Policía vincula con seareiros radicais do equipo vigués) atacaron a varios afeccionados do Lyon, nas horas previas ao partido que enfrontará a ambos os equipos este xoves en Balaídos.
Mediante un comunicado nas súas redes sociais, a entidade celeste sinalou que condena “firmemente” calquera tipo de actuación violenta, “como a rexistrada a pasada noite contra afeccionados do Olymplique de Lyon”. “A violencia, en calquera das súas manifestacións, non forma parte da identidade nin dos valores celtistas”, trasladou o club vigués.
Os feitos ocorreron na noite deste mércores, cando un grupo duns 30 seguidores radicais do Celta, encapuchados e armados con paus e tubos, presentouse nun establecemento de lecer da zona do Areal, en Vigo, para increpar aos afeccionados franceses que alí se atopaban. O encontro derivou nun enfrontamento no que varias persoas resultaron feridas de escasa consideración (unha delas foi trasladada á PAC da rúa Pizarro) e producíronse danos materiais nun local.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, confirmou que a actuación policial permitiu identificar a unha vintena de persoas implicadas na liorta e advertiu de que feitos deste tipo son “intolerables”, á vez que pediu deixar traballar á Policía, xa que “hai dilixencias abertas”.
O partido deste xoves en Balaídos, entre Celta e Lyon, foi declarado de alto risco pola Comisión Antiviolencia, polo que a Policía contará cun importante dispositivo de seguridade. Losada confirmou o despregamento de varios grupos da Unidade de Intervención Policial (antidisturbios) e doutros grupos especializados.
APLICAR CON FIRMEZA A LEI DO DEPORTE
Pola súa banda, o sindicato CEP (Confedederación Española de Policía), tamén condenou os feitos e reclamou que se aplique “con firmeza” a lei do deporte para que os violentos non poidan acceder nunca máis aos estadios deportivos, e “se lles impoña unha forte sanción económica”.
O sindicato policial tamén denunciou a falta de axentes na Comisaría de Vigo para atender ás necesidades da urbe olívica, unha situación que afecta especialmente o ámbito da seguridade cidadá e a episodios como os vividos nas últimas horas.
