Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos este xoves no municipio pontevedrés de Redondela. Segundo informou o 112, o sueso ocorreu no quilómetro 1 da N-552. Un dos feridos tivo que ser excarcerado polo GES de Mos.
O servizo tivo constancia do accidente ás 18.15 horas, a través da chamada dun particular que alertou da colisión entre dous vehículos. Pouco despois, un implicado tamén contactou e indicou que se necesitaba asistencia sanitaria urxente. O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Redondela e Mos.
Ademais, informouse aos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención. A pesar dos esforzos realizados, o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento dun dos implicados. Os tres feridos foron evacuados ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
