A Garda Civil detivo a un home de 38 anos, veciño de Vigo, que se facía pasar por un empregado dunha compañía eléctrica para esixir o pago de facturas pendentes. En total, fíxose con 3.856,68 euros. A actuación do Instituto Armado, segundo informa, iniciouse tras dúas denuncias presentadas no Posto Principal de Boiro (A Coruña) por dous veciños deste municipio.
Os demandantes relataron que recibían chamadas de individuos que se facían pasar por traballadores da súa compañía eléctrica e esixíanlle o pago inmediato de supostas facturas pendentes para evitar o corte de luz nos seus negocios. Ante esta ameaza, procedían a realizar as transferencias bancarias. Posteriormente, ao comprobar coas súas entidades bancarias que os recibos xa estaban pagos, tentaban contactar co número desde o que recibiran as chamadas, pero ninguén respondía.
Durante a investigación, levada a cabo polo Equipo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, rastrexáronse as transaccións económicas para identificar o beneficiario do engano. As pescudas realizadas permitiron constatar que este home vigués de 38 anos recibira os importes na súa conta bancaria, polo que foi detido por un suposto delito de estafa. Pasou a disposición do xulgado de garda de Ribeira.