A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este mércores un xuízo contra un acusado dun delito de agresión sexual sobre un menor de 16 anos, para quen a Fiscalía pide 4 anos e 9 meses de cárcere. Os feitos ocorreron no domicilio do acusado en novembro de 2023, no partido xudicial de Vigo. Ademais da pena de prisión, o ministerio público solicita a medida de liberdade vixiada durante 5 anos, a executar tras a saída do cárcere.
Igualmente, pide a súa inhabilitación especial para o exercicio da patria potestade, tutela, curatela garda ou acollemento durante 5 anos; e a inhabilitación para calquera oficio ou profesión que implique contacto con menores por un tempo superior en 5 anos ao da pena de prisión. Finalmente, solicita que se lle prohiba achegarse á vítima durante 5 anos e comunicarse con ela por calquera medio por un período superior en 5 anos á duración da pena de prisión, e que a indemnice en 8.000 euros.