Os grupos municipais do PP e o BNG criticaron este xoves que se impediu o acceso aos feirantes que acudiron ao Concello para tratar de solicitar información sobre o rexeitamento ás súas solicitudes para montar atraccións nas festas da cidade, aínda que o goberno local saíu ao paso asegurando que “non se impediu o acceso a ningún cidadán”.
Os feitos ocorreron na mañá deste xoves, cando varios feirantes (menos dunha decena segundo fontes presenciais) acudiron ao Concello, pero non puideron acceder, xa que a Policía Local establecera un filtro, con valos na entrada do edificio, e identificaba as persoas que querían entrar.
O grupo municipal do PP enmarcou o sucedido a un “veto” imposto polo alcalde, Abel Caballero, “de quen parten todas estas ordes de bloquear o acceso ao Concello”. Para o portavoz ‘popular’, Miguel Martín, “é unha evidencia máis da falta de diálogo que mostra o rexedor socialista con aqueles colectivos que teñen o valor de levantar a voz contra a súa xestión despótica”.
Martín acudiu á Praza do Rei para escoitar as demandas dos feirantes e trasladoulles a posición do PP: esixir ao goberno municipal que cumpra a lei e garanta a seguridade nas instalacións das festas, como fan o resto de concellos. “O Concello de Vigo non pode negar ningunha autorización que reúna os requisitos esixidos pola normativa vixente. Ademais, está obrigado a basearse en criterios obxectivos e non na arbitrariedade”, lembrou.
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG tamén criticou que non se deixase acceder aos feirantes, pero ha ido máis aló e denunciou unha “grave discriminación”, asegurando que puido comprobar ‘in situ’ como se identificou a persoas “por motivos raciais” e restrinxiuse o acceso a aquelas que se identificaron como feirantes.
O portavoz do grupo nacionalistas, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que se trata dunha decisión “sen precedentes e sen motivación legal”. “O Bloque puido constatar de primeira man como os axentes da Policía Local estaban a filtrar e identificando o acceso de persoas á lonxa do Concello en base a motivos raciais, como persoas de etnia xitana ou negras, permitindo o acceso libre ao resto de veciños que non responden a estes trazos”, apuntou.
Pérez Igrexas esixiu por escrito explicacións ao alcalde antes estes “feitos gravísimos” e advertiu de que o operativo policial atentou “contra os dereitos fundamentais”. “Non imos tolerar que, co pretexto da seguridade ou de previr hipotéticos incidentes, o goberno municipal de Abel Caballero coloque barreiras raciais no acceso ao Concello, que é a casa de todos e todas“, sentenciou.
RESPOSTA DO GOBERNO E DA POLICÍA LOCAL
Pola súa banda, o goberno local saíu ao paso das acusacións e asegurou que este xoves “non se impediu o paso a ningún cidadán no Concello, e non se rexistrou, por tanto, incidencia algunha no acceso ao edificio, nin dentro nin fóra das instalacións municipais”.
Así o trasladou o portavoz do goberno, Carlos López Font, que se limitou ha informar de que a Comisión de Festas de Coia entregou este mércores unha nova proposta para a celebración do evento e que “se está estudando”. “As autorizacións outorgaranse en virtude da nova proposta de festa que fixeron os promotores da celebración”, aseverou.
Mentres, a Policía Local de Vigo fixo público un comunicado no que recoñece que se estableceu un dispositivo á entrada do Concello, pero no que matiza que “sempre que se prevé a concentración numerosa de persoas na contorna do Concello establécense medidas de organización e seguridade co único obxectivo de garantir que todos os cidadáns poidan acceder libremente ás dependencias municipais, especialmente aqueles que teñen citas concertadas ou necesitan realizar xestións administrativas”.
Ademais, sinalou que en todo momento o tránsito estivo aberto, non houbo “restricións indebidas”, e que os cidadáns que queiran exercer o seu dereito á protesta poden facelo, “sempre que non se obstruya o acceso principal nin se impide o normal funcionamento dos servizos municipais”.
“Négase de forma rotunda que se producise discriminación por razón de raza, etnia ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Os axentes actuaron exclusivamente conforme aos criterios operativos de orde e seguridade, con respecto estrito aos dereitos fundamentais das persoas”, aseguraron fontes policiais.
Finalmente, a Policía Local reafirmou o seu “compromiso coa convivencia, a legalidade e a defensa dos dereitos de toda a cidadanía, traballando sempre por garantir un espazo público accesible, seguro e respectuoso”.