InicioCulturaO Marisquiño celebra os seus 25 anos cun dobre escenario musical e...

O Marisquiño celebra os seus 25 anos cun dobre escenario musical e destacada presenza feminina

PUBLICADO O

- Advertisement -

A organización do XXV Festival O Marisquiño de Vigo, que este ano se celebra do 7 ao 10 de agosto, presentou este xoves a súa programación musical e, como principal novidade, avanzou a apertura dun segundo escenario musical, dedicado especialmente á música electrónica e con artistas femininas unicamente.

Os dous escenarios cos que contará o festival no seu vixésimo quinto aniversario terán o patrocinio da marca SON Estrela Galicia, tras o acordo subscrito coa organización. Durante a presentación, o director e fundador de O Marisquiño, Carlos ‘Piti’ Domínguez, valorou a alianza entre o festival e Estrela Galicia, “dúas empresas galegas que pagan os seus impostos en Galicia” e que contribúen a “dar a coñecer a Galicia fóra das súas fronteiras”.

O alcalde, Abel Caballero, mostrouse convencido de que a próxima edición do Marisquiño vai ser “a mellor da historia”, tanto no que se refire a deporte como ás outras disciplinas de cultura urbana coas que conta o festival, como a música. “Avísolle á cidade de que reserven o fin de semana de O Marisquiño para pasalo aquí porque vai ser un evento único”, proclamou.

Nun primeiro avance da programación musical, a organización avanzou que o escenario de música electrónica terá unha das noites comisariada pola produtora musical ourensá Cora Novoa, desde a súa plataforma Seeking the Velvet, quen actuará xunto a Russ e unha artista internacional que se anunciará proximamente.

En canto ao escenario de sons urbanos, xa habitual nas últimas edicións do festival, vai contar cun total de 14 actuacións con xéneros que van do Hip-Hop ao Latin Club, o Rap ou o Hardcore Rave. Entre as actuacións máis esperadas estará a de Villán Antillano, artista portorriqueña que revolucionou o xénero urbano co seu enfoque desafiante e irreverente, e cuxa colaboración con Bizarrap a catapultó ao Top 50 Global de Spotify. Tamén se confirma a presenza de DJ Nano, figura clave da música de baile en España, cunha traxectoria internacional que o levou polos principais escenarios do mundo.

O cartel complétase, por agora, con nomes como O Bugg, Parkineos, e Bflecha e Mwëslee, do colectivo vigués Arkestra, celebrando o seu 20º aniversario co público de casa.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...