InicioVigo e contornaVigoCaballero denuncia a discriminación da Xunta a Vigo mentres "quere que quedemos...

Caballero denuncia a discriminación da Xunta a Vigo mentres “quere que quedemos calados”

O alcalde de Vigo volveu a criticar ao presidente da Xunta por non defender a candidatura da cidade para ser sede no Mundial de fútbol de 2030

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respondeu este mércores á “man tendida” e á oferta de “colaboración” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertindo de que non se debe confundir a “cordialidade e educación” nun acto co “consenso e o acordo”, porque o presidente galego ofrece colaboración mentres “a Xunta discrimina a Vigo”.

Así o trasladou o rexedor olívico nunhas declaracións remitidas aos medios nas que sinalou que “para o presidente da Xunta colaborar e non discutir é o camiño”. “É o camiño se te tratan ben, se te marxinan claro que hai que discutir e denunciar que estamos sendo marxinados. A Xunta marxina a Vigo continuamente”, subliñou Caballero.

Como exemplos, o alcalde lembrou que o goberno galego financiou o 80 % da obra do túnel do Parrote na Coruña, mentres ofrece financiar o 30 % do túnel de Elduayen en Vigo. “A Coruña o 80 % e a Vigo o 30 %, e quere que quedemos calados!”, censurou Caballero.

Por outra banda, lembrou que o paseo inaugurado este martes na fachada portuaria viguesa “pagouno o Goberno de España” e Rueda “nin o mencionou”. Igualmente, acusou á Xunta de paralizar ou atrasar obras como as ramplas de Gran Vía, o túnel de Elduayen, o túnel de Beiramar, o parque infantil do Berbés, e outras actuacións.

Tamén recalcou que, na reforma da ETEA, paga a Zona Franca, e que, na recuperación do teatro cinema Fraga, a Xunta “non fixo nada”, salvo “regalar” máis de 9 millóns a unha entidade financeira (Abanca) que debería ceder o edificio de forma gratuíta á cidade. “Isto é Rueda dicindo falsidades. Estes son os acordos de Rueda: que Vigo o pague todo”, sentenciou Caballero, que volveu a criticar ao presidente galego por non defender a candidatura da cidade para ser sede no Mundial de fútbol de 2030.

RESPOSTA QUE INDICA “COVARDÍA”

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, sinalou que a resposta de Caballero ao ofrecemento de Rueda indica “covardía”, e o único interese de “polemizar coa Xunta sen que lle importe o resultado para a cidade”, todo “enviando un audio desde a súa torre de marfil”.

Ortiz sinalou que esta posición non sorprende, e vén do mesmo alcalde “que ten bloqueada a ETEA, as pistas de atletismo, ou os túneles de Elduayen e Beiramar”. “O mesmo alcalde que suspende reunións técnicas unhas horas antes sen ningunha explicacion, o que aínda non aprobou o PXOM da cidade 6 meses despois de recibir o visto e prace da Xunta, nada novo. Non pretende mellorar a vida dos seus cidadáns, o único que quere son os seus votos, e o resto dálle igual”, sentenciou a delegada.

Con todo, advertiu que o goberno galego seguirá ofrecendo “investimentos” e “apoio” a Vigo, a pesar de que Caballero queira seguir confrontando. “Pero estaría ben que, no canto de audios esaxerando todo, tivese o valor de dicilo á cara cando se atopa, como onte, co presidente da Xunta”, apostilou.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...