InicioSociedadeSuspenden a licenza de reforma dun dos edificios xudiciais de Vigo para...

Suspenden a licenza de reforma dun dos edificios xudiciais de Vigo para aclarar a titularidade do inmoble

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, a licenza foi concedida en novembro pasado e agora, a administración municipal "tivo coñecemento de que o inmoble onde se construíu o edificio obxecto das obras é de propiedade municipal" e así figura inscrito no Rexistro da Propiedade

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo decidiu suspender preventivamente a licenza outorgada á Xunta para reformar un dos antigos edificios xudiciais da cidade, o situado no número 4 da rúa Lalín, no que a administración autonómica prevé crear un centro para asociacións e entidades sociais, tras constatar que a inmoble figura no Rexistro da Propiedade como de titularidade municipal.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, a licenza foi concedida en novembro pasado (aínda que foi solicitada en febreiro pola Xunta, que tivo que emendar diversos requirimentos do Concello antes da concesión) e agora, a administración municipal “tivo coñecemento de que o inmoble onde se construíu o edificio obxecto das obras é de propiedade municipal” e así figura inscrito no Rexistro da Propiedade.

Así mesmo, sinalou que non consta ningún outro título da administración autonómica “distinto do traspaso xeral de competencias da administración do Estado en materia de Xustiza” á Xunta, por tanto, esa cesión “circunscríbese expresamente á edificación levantada sobre a leira rexistral municipal, non ao chan”, e cínguese aos usos previstos (xudiciais).

María José Caride incidiu en que a construción dun edificio para outros usos diferentes, como sería o caso, “podería supor un prexuízo para o interese público municipal” e “xerar responsabilidades administrativas e legais”.

Por iso, a Xerencia de Urbanismo decidiu, como “medida cautelar”, suspender o prazo de inicio das obras, pero “non é unha anulación” da licenza, segundo matizou a concelleira socialista que, por outra banda, puntualizou que a Xunta “é perfectamente coñecedora” desta situación, porque pediu ao Rexistro da Propiedade “que acreditase quen era titular” do inmoble.

Caride remarcou que a decisión de suspender o prazo de obras desa licenza responde á necesidade de “garantir” o interese público, e ha reitarado que é “cautelar” en tanto non se “determine en dereito a propiedade do inmoble”.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamentou que esta decisión “é outro exemplo dos que pasa en Vigo nos últimos anos”. “É a proba de que o alcalde necesita un inimigo exterior co que estar en continuo enfrontamento”, sinalou.

Segundo explicou, a Xunta acaba de recibir a notificación do consistorio sobre a suspensión de licenza, “porque consideran que o edificio pode pertencer ao Concello”, e pediu a Abel Caballero “que deixe esta postura, que non beneficia a Vigo nin ás entidades ás que vai destinado o edificio”.

Tras lembrar que a reforma do inmoble ten prevista unha dotación de 24 millóns de euros, insistiu en que os investimentos da Xunta na cidade olívica “non son para atacar ao alcalde, senón para mellorar a calidade de vida dos veciños”. “Outras cidades pon unha ‘ponte de prata’ para facer investimentos, no caso de Vigo, cada vez que a Xunta quere investir, ponse todo tipo de trabas e de desculpas”, censurou.

Diego Calvo explicou que “isto non vai facer máis que atrasar ese investimento”, cando hai “moitísimas” entidades sociais, veciñais ou deportivas que están a esperar para ter un local no novo edificio.

DADO DE ALTA NO INVENTARIO DE BENS AUTONÓMICOS

Fontes autonómicas matizaron que o edificio da rúa Lalín foi transferido polo Estado “en propiedade e sen vinculación de destino” e que tanto a parcela como o propio edificio foron dados de alta no Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma, “sen condicionamento de ningún tipo” e tamén se deu de alta no Catastro inmobiliario a nome da Xunta que, de feito, en 2024 pagou 41.240 euros en concepto de IBI.

Igualmente, apuntaron que a licenza concedida (e agora suspendida) contemplaba como requisito a cesión de 79 metros cadrados para ampliar a rúa Lalín. “Esta condición afianzaba o posicionamento da Xunta no que respecta tanto á titularidade da edificación como a titularidade da parcela”, sinalaron desde a Xunta.

Segundo indicaron as mesmas fontes, para inscribir a totalidade da parcela no Rexistro (e logo segregar e ceder a parte solicitada), a Consellería de Facenda outorgou audiencia ao Concello, que “se opuxo á inscrición rexistral argumentado que a parcela é titularidade do Concello”.

Finalmente, inciden en que a lei 5/2011 establece que os inmobles de uso público que teña unha administración “posuídos a título de dono” durante máis de 10 anos, pendentes de regularización xurídico-patrimonial, “integraranse definitivamente nos seus respectivos patrimonios como da súa propiedade”.

ÚLTIMAS

Vigo preséntase este xoves en Fitur como unha cidade “única no mundo”: do Nadal aos concertos de Castrelos pasando polas praias e as filmacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que o Concello se presentará este xoves...

Luisa Sánchez confirma que optará á presidencia do PP de Vigo e avisa: “Veño para quedar”

A concelleira do PP no Concello de Vigo e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra,...

Expertos en robótica, ciberseguridade ou IA reuniranse en Vigo do 10 ao 14 de febreiro

As X Xornadas de Automatización Industrial (JAI), impulsadas pola Universidade de Vigo, coa cooperación...

Suso Vaamonde: A voz poética

Suso Vaamonde naceu en 1950 en Regodobargo, unha aldea de Ponte Caldelas, Pontevedra, no...