InicioSucesosO acusado de tentar violar unha turista nun hotel de Vigo di...

O acusado de tentar violar unha turista nun hotel de Vigo di que estaba bébedo e entrou “en pánico”

O acusado negou o intento de agresión sexual, e explicou que entrou na habitación da vítima vestido só cun pantalón curto de praia e sen camiseta porque se dispuña a durmir e confundiuse de habitació

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un mozo de nacionalidade portuguesa, Nário B.G., acusado dun delito tentado de agresión sexual con acceso carnal e dun delito de lesións, tras tentar violar a unha turista alemá na habitación dun hotel de Vigo, alegou que estaba borracho no momento dos feitos, á primeira hora da mañá do 11 de xuño de 2023, e que entrou “en pánico”.

Así o manifestou na súa declaración ante a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica. O acusado, en prisión preventiva por esta causa, negou o intento de agresión sexual, e explicou que entrou na habitación da vítima (unha moza alemá que estaba a facer o Camiño de Santiago) vestido só cun pantalón curto de praia e sen camiseta porque se dispuña a durmir e confundiuse de habitación, xa que el estaba aloxado no mesmo hotel.

Segundo o seu testemuño na sala, cando viu a unha muller durmindo na cama e esta comezou a gritar, tapoulle a boca e agarrouna polos brazos, porque ambos entraron “en pánico”. Momentos despois, cando outros hóspedes escoitaron os berros e chamaron á porta, explicou, optou por saír da habitación descolgándose pola xanela. “Eu non tentei violala, ía bébedo”, reiterou a preguntas do ministerio fiscal, e en contradición co que declarou durante a instrución (cando si recoñeceu que tentou manter relacións sexuais coa vítima).

Igualmente, Nário B.G. negou que levase consigo un preservativo, que apareceu logo na cama da muller agredida, e tamén negou que golpease á vítima. Con todo, ao final da vista usou o seu dereito á última palabra para pedir “perdón” á muller.

“TEMÍN POLA MIÑA VIDA”

Pola súa banda, a muller denunciante explicou á sala que non coñecía de nada ao acusado e que esa mañá se espertou cando notou que algo lle tocaba a perna. Ao espertar vió a un home vestido só cun calzón, que logo se quitou para tratar de colocarse un preservativo.

Con aspecto serio e sen titubeos, a vítima relatou (nalgúns momentos entre saloucos) que o home a agarrou con forza e que a tirou ao chan, mentres ela gritaba constantemente o número da súa habitación para pedir auxilio, e loitaba para librarse del. Nalgúns momentos, explicou, o agresor tapoulle a boca e o nariz, impedíndolle respirar.

Segundo sinalou, a violencia empregada polo acusado (ao que recoñeceu na sala) foi aumentando e, a pesar de que ela lle tirou do pene e mordeulle para zafarse, non conseguiu saír da habitación porque o acusado a pechou por dentro.

Nun momento determinado, explicou, notou que o home lle puxo unha tea ao redor do pescozo para estrangulala e, recoñeceu, nese momento creu que morrería e mesmo chegou a pensar se non debía deixar de resistirse para sobrevivir. “Temín pola miña vida”, aseverou.

Os berros de auxilio da vítima alertaron a outros hóspedes, que se achegaron á habitación e comezaron a chamar á porta. Isto puxo en alerta ao acusado e a muller aproveitou ese momento de dúbida para abrir o pestillo e saír da habitación; dúas persoas que tamén estaban aloxadas no establecemento e que declararon como testemuñas, axudárona a fuxir e leváronlla a outro cuarto para pola a salvo mentres chegaban os sanitarios e a Policía.

TESTEMUÑAS E PERITOS

Na vista celebrada este mércores declararon tamén os axentes de Policía que acudiron ao hotel e corroboraron que a muller se atopaba en estado de shock e que presentaba lesións na boca, arañazos e un golpe na cabeza, entre outras feridas.

Igualmente, declarou un amigo do acusado, que explicou que ambos se atopaban en Vigo para pasar o fin de semana, aloxados nese hotel. Segundo o seu testemuño, o acusado e el estiveran en locais de lecer bebendo, pero Nário “non estaba bébedo”, senón simplemente “alegre”.

As forenses citadas para comparecer limitáronse a ratificar os seus informes e ha confirmar que as lesións que presentaba a muller eran compatibles co relato que fixera do sucedido.

A Fiscalía e a acusación particular piden para o procesado un total de 9 anos de prisión polos delitos de agresión sexual (tentado) e de lesións, concorrendo a agravante de abuso de superioridade. Igualmente reclaman a medida de afastamento e prohibición de comunicarse coa muller durante 10 anos, e a medida de liberdade vixiada durante 8 anos.

Pola súa banda, a defensa mantivo a súa petición de libre absolución, aínda que, de forma alternativa, solicitou que se aplique a atenuante de embriaguez en caso de condena. Así mesmo, solicitou que se substitúa unha eventual pena de liberdade vixiada por expulsión ao seu país, xa que o acusado non ten arraigamento en Vigo e o seu domicilio habitual é a casa dos seus pais en Aveiro (Portugal).

ÚLTIMAS

Piden oito anos de prisión para un acusado de roubar e agredir sexualmente a unha muller en Vigo

Un home enfróntase a oito anos e medio de prisión como suposto autor dun...

O Concello e Universidade de Vigo impulsan a creación dun Observatorio da Vivenda

O Concello e a Universidade de Vigo crearán un Observatorio da Vivenda para facer...

Rescatan un veleiro á deriva e encallado na costa de Vigo sen ninguén a bordo

Os servizos de emerxencia rescataron o pasado domingo un veleiro á deriva na costa...

Un axente da Policía Local de Vigo absolto tras ser acusado de chamar “matado” e “subnormal” a un discapacitado

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a...