O BNG de Vigo denunciou este martes que o Plan de Poda Anual do Concello “carece de criterios técnicos e incumpre o previsto no prego da concesión para o mantemento dos xardíns” da cidade.
Así o trasladou o portavoz municipal do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, tras ter acceso ao documento e analizalo “co asesoramento de persoas expertas”.
Segundo desvelou, o Plan de Poda Anual é un documento de “só 5 páxinas”, no que “non se realiza unha análise efectiva da situación do arboledo”. Un estudo sen o cal, incidiu, “é imposible determinar cales son as actuacións necesarias para o mantemento de cada exemplar”.
Así, advertiu de que “abre a porta a podas masivas e xeneralistas” e lembrou que a empresa concesionaria ten a obrigación de facer inspeccións técnicas das árbores da cidade para coñecer o seu estado.
Por outra banda, denunciou, neste Plan de Poda tampouco se especifican os medios humanos e materiais para a execución dos traballos, nin os períodos de actuación ou calendarios por especies, zonas ou barrios de Vigo. “Estamos ante un plan que non planifica practicamente nada”, ironizou.
Neste escenario, Pérez Igrexas avanzou que solicitará na próxima Comisión Informativa de Parques e Xardíns que a empresa concesionaria elabore un novo plan de poda que cumpra os criterios técnicos e que “aposte de verdade pola mellor conservación e protección do arboledo urbano”.
