O alcalde Abel Caballero reunirase o próximo 26 de xuño co presidente de Adif, Ángel Contreras, con quen abordará cuestións como a conexión por AVE a Madrid, directo por Cerdedo; a saída sur para conectar co Eixo Atlántico ata Porto; ou o corredor atlántico de mercadorías.
Así o avanzou o rexedor, nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que sinalou que este encontro dará continuidade á entrevista que mantivo o pasado 30 de abril co ministro Óscar Puente. “Son o único alcalde ao que o ministro recibiu no seu despacho”, antes de presumir da súa amizade co titular de Transportes.
Caballero subliñou que o encontro do próximo 26 de xuño será “moi importante”, porque se porá sobre a mesa, entre outros asuntos, “acabar para sempre coa humillación de ter que ir a Madrid dando a volta por Santiago e percorrendo 100 quilómetros de máis”. Igualmente, afirmou que a construción do saída sur en túnel “está en marcha” e “en boa posición”.
Finalmente, e tras volver subliñar a importancia da obra de reposición do firme na pista de Peinador, tamén sinalou que, tras a reunión con Contreras, manterá nos días seguintes un encontro co secretario de Estado de Transportes.
