Unha muller que paseaba na súa cadeira de rodas motorizada tivo que ser socorrida na tarde deste pasado mércores en Vigo tras caer por un barranco dun tres metros de altura situado no recinto do hospital Álvaro Cunqueiro.
Tal como informou a Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo do sindicato UGT, os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas, cando a ferida caeu por un terraplén coa súa cadeira de rodas.
Ao ver o incidente, dous vixiantes de seguridade acudiron a socorrer á muller, solicitando a presenza de persoal sanitario para poder trasladala ao servizo de urxencias. Tamén contaron co apoio dunha patrulla da Policía Local que pasaba pola zona, ademais doutros cidadáns.
“Unha vez máis, UGT reitera a profesionalidade e o bo facer do persoal de seguridade que presta servizo neste centro hospitalario e manifesta a importancia da formación que se fai e é necesaria neste sector para dar unha correcta resposta a calquera tipo de incidencia que se poida dar nos recintos a protexer“, reivindicou o sindicato.
