Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano do Concello de Vigo, denunciou dous novos ataques vandálicos rexistrados na mañá deste xoves nos seus autobuses.
Tal como informou a compañía, o primeiro deles produciuse sobre as 05.45 horas, cando un vehículo que estaba a se incorporar ao servizo da liña 6 recibiu o impacto dun obxecto que provocou a rotura da xanela da porta traseira. O bus circulaba sen viaxeiros pola estrada Clara Campoamor.
Unha hora máis tarde, o bus que facía a liña 17 tamén foi alcanzado por un obxecto cando circulaba pola estrada de Valladares, á altura do Alto da Garrida, rompéndoselle as xanelas laterais. Neste caso, tampouco levaba viaxeiros.
Vitrasa asegurou que desde o inicio da folga indefinida, o pasado sábado 25 de novembro, xa son 12 os ataques violentos que sufriron os seus autobuses.
“Desde Vitrasa insistimos en que estas accións pon en risco aos compañeiros que realizan un servizo que é fundamental para os cidadáns, así como aos viaxeiros e a calquera persoa que circule pola vía”, sentenciou a empresa.
“PRESUNTA INDEMNIZACIÓN DO CONCELLO”
Sobre a folga de Vitrasa tamén falou este xoves o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, quen criticou que non haxa noticias da “presunta indemnización a Vitrasa” que anunciou hai unha semana o alcalde, Abel Caballero.
El criticou que este “suposto reequilibrio económico” da concesión do bus urbano, polas perdas que provocou a pandemia, non pode ser un “cheque” para unha “saída en falso” do conflito aberto hai máis de dous anos.
Por iso, solicitou toda a documentación sobre o asunto para coñecer “que hai de verdade tras ese anuncio que parece que o único obxectivo que tiña era evitar que o conflito de Vitrasa amargase o acto do aceso das luces de Nadal”.
Tras máis de dous anos de conflito, no que os traballadores convocaron innumerables paros parciais e folgas, o comité de Vitrasa iniciou unha folga indefinida o pasado sábado. Precisamente este venres, día 1 de decembro, levará a cabo unha manifestación, que partirá da Praza de España ás 19.00 horas.