InicioVigo e contornaVigoVitrasa denuncia ataques a oito buses urbanos sen que houbese danos persoais

Vitrasa denuncia ataques a oito buses urbanos sen que houbese danos persoais

PUBLICADO O

- Advertisement -

A concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, denunciou este martes novos ataques a vehículos da compañía en diferentes rutas e, aínda que non houbo que lamentar danos persoais, a empresa reiterou que “este tipo de actuacións pon en risco ás persoas viaxeiras, aos compañeiros que realizan o servizo e a calquera persoa que circule pola vía”.

Segundo concretou a concesionaria nun comunicado, nesta xornada un bus que facía a liña 6 foi atacado ás 5,45 horas cun obxecto na Avenida Clara Campoamor, o que produciu a rotura dunha xanela, pero non había pasaxeiros a bordo.

Minutos despois, rexistrouse un ataque a un bus da liña 4A, na rúa Cantabria, que levaba pasaxeiros e que foi golpeado na chapa por varias pedras. Ás 6,15 horas un bus da liña C3 na Avenida de Galicia, tamén con viaxeiros, detectou que unha roda dianteira estaba picada; do mesmo xeito que outro bus, da liña 15B en Xestoso, aínda que sen usuarios a bordo.

Ás 6,35 horas, o vehículo da liña 11 que se atopaba na Grileira tivo que parar o seu percorrido despois de que unha moto aproximouse e os seus ocupantes tirasen varios obxectos diante das rodas. Tamén resultou con danos nas xanelas un bus da liña 27, á altura da Rabadeira, e con viaxeiros; así como dous buses das liñas C3 e 5B, coas rodas picadas.

A empresa tamén denunciou que o vehículo particular dun traballador, que estaba aparcado na rúa preto da súa vivenda, apareceu cos catro pneumáticos picados esta mañá, cando o empregado se dispuña a collelo para desprazarse ao seu posto.

Vitrasa reiterou as súas “desculpas” aos usuarios do servizo e garantiu a prestación dos servizos mínimos, no marco da folga indefinida que comezou o pasado sábado, despois de meses de paros parciais, nun conflito laboral que se estende desde hai máis de dous anos.

O pasado venres, produciuse unha reunión de mediación que acabou sen resultados, xa que o comité denunciou que a empresa se presentou ao encontro “sen ningunha proposta” e só cun calendario de reunións, a cambio de que se desconvocase o paro.

ÚLTIMAS

Aínda queda xente honesta: unha persoa acha unha bolsa con case 2.000 euros e entrégalla á Policía Local

A Policía Local devolveu ao seu lexítimo dono unha bolsa que contiña case 2.000 euros e...

Caballero pregunta a Louzán se a exclusión de Vigo do Mundial 2030 foi por “odio” ou por “instrucións de Rueda”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a acusar este mércores a Rafael Louzán,...

Deteñen por ameazas ao mozo que agredira a outro menor en Vigo en novembro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a detención por ameazas, este...

Un menor agredido en Vigo leva días sen ir ao insituto e recibindo ameazas, denuncian os pais

Os pais dun menor que sufriu unha agresión hai varias semanas en Vigo denunciaron...