InicioVigo e contornaVigoO Concello de Vigo acusa ao comité de Vitrasa de non querer...

O Concello de Vigo acusa ao comité de Vitrasa de non querer negociar e á CIG e ao BNG de “utilizar” aos traballadores

Este martes varias decenas de traballadores manifestáronse polas rúas de Vigo, ao berro de "Menos luces, máis autobuses".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo acusou este martes aos traballadores de Vitrasa, concesionaria do servizo de bus urbano, de non querer negociar coa empresa para buscar unha solución ao conflito que manteñen desde hai máis de dous anos (tal e como a propia empresa afirmou), á vez que acusou a CIG e BNG de “utilizar” ao persoal coa finalidade de “rebentar” a cidade.

Así o trasladou o portavoz do goberno vigués, o socialista Carlos López Font, a través dunhas declaracións remitidas aos medios, nas que proclamou que “o Bloque e a CIG están a facerlle un enorme dano á cidade utilizando aos traballadores de Vitrasa” nunha “estratexia política” cuxo obxectivo é “rebentar a cidade”.

Font sinalou que os traballadores da concesionaria de bus, que empezaron o pasado sábado unha folga indefinida tras meses de paros parciais, “son reféns de BNG e CIG”, que só pretenden “facerlle dano aos vigueses”.

Ademais, advertiu de que é “intolerable” que os representantes do persoal “nin sequera quixeron empezar a negociar” para buscar unha saída ao conflito, facéndose eco das manifestacións de Vitrasa sobre o fracaso dun encontro celebrado o pasado venres entre as partes. “É o nunca visto nun sindicato, co BNG detrás”, incidiu Font, en alusión á CIG, a pesar de que no comité teñen presencia catro sindicatos (CIG, que é maioritario, CC.OO., UGT e USO).

MEDIACIÓN SEN RESULTADOS

Precisamente, o órgano de representación dos traballadores denunciou que a reunión do pasado venres, exposta como unha mediación, non foi máis que unha “trampa”, porque a empresa se presentou “cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha, sen ningún tipo de proposta nin solución”, simplemente expondo un calendario de reunións para negociar, a cambio de que se suspendese a folga ata o 31 de decembro ou o 31 de xaneiro.

Ademais, o comité segue denunciando que o alcalde debería implicarse no conflito, tendo en conta de que Vitrasa é concesionaria dun servizo público e que, segundo denuncian, incumpre as condicións do prego, a pesar do que o goberno vigués prorrogou a concesión en plena pandemia. Abel Caballero sempre mantivo que o conflito era unha cuestión entre unha empresa privada e os seus traballadores, aínda que nos últimos meses acusou ao persoal de facer “reféns” aos usuarios do transporte público cos seus paros.

Hai uns días, o rexedor olívico anunciou que o goberno está a ultimar a cifra que achegará a Vitrasa o Concello para asegurar o “reequilibrio económico” da concesión, aínda que nin Caballero nin ninguén no goberno local quixo desvelar o custo dese reequilibrio. En base a iso, o alcalde reclamou a empresa e sindicatos que sentasen para negociar, aínda que o primeiro contacto (o do venres) non deu froitos.

Leste mesmo martes, o BNG de Vigo reclamou ao goberno local que convoque ás partes para desbloquear “de verdade” o conflito, porque o alcalde e o seu equipo non poden ser “convidados de pedra” nesta situación. “É hora de que o Concello dea un golpe na mesa ante a actitude pirata e irresponsable da empresa”, sinalou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.

Mentres, o comité de Vitrasa mantén o seu calendario de mobilizacións e, tras a súa presenza no pleno deste luns, este martes varias decenas de traballadores manifestáronse polas rúas de Vigo, ao berro de “Menos luces, máis autobuses”. O venres haberá unha nova marcha de protesta, con saída de Praza de España en dirección ao Museo Marco, a partir das 19,00 horas.

ÚLTIMAS

O BNG leva ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a AP-9 como “alternativa máis sustentable”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes unha proposición non de lei...

Piden 12 anos de prisión para un home por supostamente agredir sexualmente a un menor de 16 anos en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro mércores,...

A Xunta tomará “as accións necesarias” e non descarta a vía xudicial para defender o centro de asociacionismo olívico

A Xunta de Galicia emprendará "as accións necesarias" e non descarta a vía xudicial para defender...

A xuíza denega citar á concelleira de Festas polo accidente mortal de Matamá

A xuíza volveu denegar a citación da concelleira de Festas do Concello de Vigo, Patricia...