A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza de conformidade pola que condena a 4 anos de cárcere a Daniel José V.C., como autor dun delito de tentativa de homicidio, tras apuñalar a outro home en novembro de 2021, na zona da rúa Aragón, na cidade olívica.
O acusado recoñeceu os feitos e aceptou esa pena de cárcere (inicialmente a Fiscalía pedía 6 anos de prisión), tras aplicárselle a atenuante de drogadicción, ademais da medida de afastamento da vítima durante un tempo de 6 anos. A iso súmase a responsabilidade civil: deberá indemnizar en 4.800 euros á vítima e en 3.450 euros ao Sergas.
A entrada en prisión quedou suspendida por un período de 5 anos, a condición de que, nese tempo, Daniel José non volva delinquir, pague a responsabilidade civil e continúe o tratamento de desintoxicación que está a seguir no centro Alborada de Vigo. Ademais, será sometido a controis periódicos no Imelga para constatar que segue devandito tratamento e que se mantén afastado das drogas.
FEITOS
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron en novembro de 2021, cando a vítima e a súa parella, ao saír de casa duns amigos, pasaron por diante da vivenda do acusado, que saíu e comezou a insultar ao home.
Nun momento dado, o acusado achegouse á parella e comezou a increpalos, antes de sacar un coitelo que levaba oculto nas costas, á altura de cintura. A Fiscalía sostén que o procesado cravou o coitelo no peito ao outro home, con ánimo de acabar coa súa vida e, de feito, provocoulle lesións que puidesen matalo de non ser asistido por persoal sanitario de inmediato.