Tres menores de idade e un adulto, todos eles familia, morreron, e oito persoas resultaron feridas e foron trasladadas a diversos centros hospitalarios por un incendio nun edificio en Vigo, na rúa Alfonso X o Sabio. Segundo comunicou á primeira hora deste mércores o 112 Galicia, están a traballar no lugar Emerxencia Sanitaria de Galicia-061, os Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén se informou aos psicólogos do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, especializado en emerxencias graves.
Un total de oito persoas continúan hospitalizadas, pero o estado dun dos feridos é moi grave e unha nena de oito anos de idade, a cuarta filla da mesma familia falecida, tivo que ser trasladada á unidade de queimados do hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña. Segundo a última actualización do estado dos feridos facilitada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), unha das tres persoas que estaban ingresadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xa foi dada de alta, polo que continúan ingresadas outras dúas persoas, á parte da nena de 8 anos que foi trasladada á Coruña. Nun primeiro momento, esta pequena fora atendida en Povisa e logo derivada en estado grave á UCI do Álvaro Cunqueiro.
Pola súa banda, no hospital Povisa permanecen un total de cinco persoas na Unidade de Coidados Intensivos, unha delas moi grave, mentres que dúas persoas que foran atendidas alí xa recibiron o alta. No lugar do incendio, un edificio da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, foron atendidas sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria.
LUME
O incendio produciuse sobre as 4,00 horas desta madrugada, e o 112 alertou a Urexencias Sanitarias-061, Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén foron mobilizados psicólogos do GIPCE, Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias. Fontes policiais confirmaron que os falecidos son unha muller e tres menores, e algúns veciños apuntaron que se trata dunha nai e tres dos seus fillos.
Ata o lugar tamén se desprazaron o alcalde, Abel Caballero, e os concelleiros Patricia Rodríguez (delegada da área de Seguridade) e Carlos López Font. A media mañá, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou a zona. A concelleira de Seguridade confirmou que os bombeiros recibiron o aviso do 112 de madrugada e que deseguido se trasladaron ao lugar. Así mesmo lamentou as vítimas mortais e confirmou que se trata de persoas “novas”, tres deles menores de idade.
A concelleira delegada da área de Seguridade, Patricia Rodríguez, lamentou as vítimas mortais e confirmou que son catro “mozos”, tres deles menores de idade. Indicou que ao redor de dez persoas foron trasladadas a centros sanitarios por inhalación de fumes e outros danos persoais. Ao resto de persoas afectadas polo incendio atendeullas desde os servizos sociais e de emerxencias, búscaselles un reacollo e recibirán atención durante o día.
En declaracións aos medios, explicou que o 112 recibiu sobre as 04.00 horas o aviso dun incendio no acceso ao edificio, no que había preto de 30 persoas dentro. Sinalou que aos cinco minutos do aviso os Bombeiros xa estaban a traballar para sufocar o lume, que puideron controlar “dunha forma efectiva e o máis axiña posible”.
Preguntada se o lume podería ser intencionado, Rodríguez pediu deixar traballar aos investigadores. “É verdade que son situacións nas que naturalmente nos pomos moi nerviosos, buscamos culpables e é humano que os familiares e os amigos e a xente máis próxima estea inquieta e pense ese tipo de cuestións, pero o mellor é deixar traballar aos profesionais”, subliñou. A concelleira delegada de Seguridade confiou en que a media mañá haxa máis datos oficiais sobre as vítimas e a investigación.
XEFE DE BOMBEIROS: “ESTE ERA UN DOS INMOBLES QUE NOS PREOCUPABAN”
O sarxento xefe do Parque de Bombeiros de Vigo, José Villar, confirmou que o incendio iniciouse na planta baixa do inmoble, nas inmediacións do vestíbulo. Así o sinalou ante os medios de comunicación ao asistir á zona dos feitos para axudar aos veciños afectados a recoller as súas pertenzas. O bombeiro subliñou que foi ás 04.03 horas da madrugada cando os efectivos recibiron a chamada de alerta. “E ás 04.09 horas estabamos aquí desde a outra punta da cidade”, reivindicou, subliñando que se trata duns tempos “máis que aceptables”.
Con todo, tal como dixo, o problema radicaba no propio edificio, que xa era coñecido polos bombeiros, polo que prevían un rescate “complicado”. A pesar de recoñecer que o incendio “non foi complicado de apagar”, a preocupación centrábase en salvar aos veciños. Neste sentido, Villar explicou que se trataba dun bloque “sen ningún tipo de sistema contra incendios” e que estaba ocupado por moitas familias con nenos. “Coñeciamos as vivendas. Isto facíanos prever un rescate complicado”, indicou, engadindo que esta situación provocou que se xestionase a saída dos 15 efectivos que, segundo dixo, había nese momento na cidade dispoñibles.
“Os que coñecemos a cidade e traballamos nela temos apuntados unha serie de inmobles que nos preocupan. Como profesional, este era un dos que nos preocupaba”, recoñeceu, apuntando sobre todo ao “horario nocturno”, cando o edificio estaba “a lume de biqueira”. Tras informar de que o lume se iniciou no vestíbulo, onde había unha moto, bicicletas e enseries varios, Villar non quixo entrar a valorar se se tratou dun incendio intencionado, indicando que terá que ser a Policía Científica a que investigue o caso.
Preguntado sobre onde foron atopados os cadáveres das vítimas, Villar informou de que foron achados á beira da porta dunha vivenda do cuarto piso, do mesmo xeito que dous dos rescatados con vida. Precisamente esta tarde varios dos sobreviventes ao incendio acudiron a recoller pertenzas ao edificio, axudados dos bombeiros. Villar explicou que o protocolo así o indica, pese a que tras a intervención foron asegurados os elementos estruturais que se puidesen caer, como cables de corrente ou a auga, para evitar danos ás persoas que accedan ao inmoble.
EDIFICIO CON INDIXENTES
O lume produciuse nun coñecido edificio que está ocupado dende hai unha década por indixentes e xente sen recursos, non exento de polémica pola mala convicencia có vencindario. Os veciños levan anos denunciando o que é un centro de menudeo de droga e onde se producen constantes incidentes de violencia como pelexas e ameazas con arma branca.
De feito ese non sería o primeiro lume producido no edificio. Fai uns días, un dos ocupantes deste edificio provocou de xeito intencionado outro lume na planta baixa, motivo polo que foi desaloxado tamén o edificio. O Concello de Vigo, pola súa banda, confirmou que os propietarios do inmoble comunicaron á administración local a súa intención de acudir á vía xudicial para recuperar a posesión do mesmo, xa que estaba ‘okupado’. O alcalde, Abel Caballero, informou de que decretou tres días de loito oficial pola traxedia.