InicioVigo e contornaVigoRexeitado por oitava vez o recurso do Concello de Vigo contra os...

Rexeitado por oitava vez o recurso do Concello de Vigo contra os pagos á Xunta por escolas infantís

O Concello recorreu a resolución da Xunta que aprobou a liquidación de 99.000 euros correspondentes á primeira parte de 2021 das escolas de Valadares e a rúa Palencia.

PUBLICADO O

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un novo recurso contencioso administrativo interposto polo Concello de Vigo en relación co pago das liquidacións de escolas infantís da Xunta na cidade.

Nesta ocasión, o Concello recorreu a resolución da Xunta que aprobou a liquidación de 99.000 euros correspondentes á primeira parte de 2021 das escolas de Valadares e a rúa Palencia. Na súa resolución, o alto tribunal galego lembrou que, xa en sete ocasiones anteriores, desestimou recursos do consistorio relativos a liquidacións de escolas infantís autonómicas.

Respecto diso, subliñou que, como nesas sentenzas previas, os argumentos xurídicos para rexeitar as pretensións municipais son os mesmos. Deste xeito, aínda que o Concello alega que as escolas infantís encaixan no ámbito educativo e non no de servizos sociais, o TSXG lembra que esa primeira etapa educativa, de 0 a 3 anos, é voluntaria; e que o consistorio se incorporou ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en 2007, mediante un protocolo de colaboración para a xestión dos “servizos locais de ámbito social, con especial atención á xestión integral das escolas infantís”.

De feito, expoñen os maxistrados, no convenio asinado para a xestión da ‘galescola’ da rúa Palencia “resáltase o carácter de servizos sociais de ámbito local deste tipo de centros”, o cal indican que tamén se desprende do convenio subscrito para a cesión da parcela para a construción da galescola de Valadares.

Tras analizar a normativa vixente, a Sala afirma que “se trata de competencias atribuídas como propias aos entes locais pola lexislación autonómica”, así como que a determinación polas leis sectoriais da competencia das entidades locais “non constitúe unha competencia a prestar pola Xunta, senón que esta, ostentando a súa titularidade, ten a facultade de atribuíla aos entes locais, sen prexuízo de articular fórmulas de colaboración que garantan a sustentabilidade financeira dos entes locais e, en aras á eficiencia e eficacia, evitar a duplicidade en ámbitos coincidentes”.

Trátase dun servizo de carácter local cuxa xestión foi asumida polo citado Consorcio, ao amparo do artigo 6 dos seus estatutos, sendo a vontade do Concello demandante que a xestión se realizase a través do tal Consorcio, ao que se incorporou voluntariamente”, continúa a sentenza.

O TSXG engade que o Concello, tamén “de modo voluntario”, foi o que “decidiu que fose o Consorcio quen xestionase as súas escolas infantís, articulándose tal colaboración mediante a subscrición dos correspondentes convenios de colaboración para a súa xestión, no caso da Escola Infantil da Rúa de Palencia, e para a construción, no da de Valadares”. A sentenza non é firme, e cabe presentar contra ela recurso de casación.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...