InicioSociedadeA CIG reclama unha "investigación seria e rigorosa" sobre o Villa de...

A CIG reclama unha “investigación seria e rigorosa” sobre o Villa de Pitanxo

O sindicato ve con "decepción" o actuar do Goberno central.

PUBLICADO O

A CIG esixiu unha “investigación seria e rigorosa” sobre as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo, que se afundiu en febreiro de 2022 en augas de Terranova e deixou 21 falecidos, á vez que mostrou a súa “decepción” pola actitude do Goberno central.

O sindicato lamentou que tanto o Goberno, como a Xunta e a propia xudicatura “van a remolque dos acontecementos” desde que ocorreu a catástrofe, e cualificou a polémica pola recente saída do buque co robot que se mergullará na zona do afundimento como un “espectáculo que dá vergoña”.

Así, despois de que as familias denunciasen que o buque Ártabro, que saíu de Vigo o pasado mércores rumbo a Terranova para localizar o pecio do Villa de Pitanxo (e tratar de esclarecer as circunstancias do afundimento), partise sen autorización nin coordinación coa Audiencia Nacional, que investiga o suceso, a CIG expresou a súa “máxima decepción” polo “esperpento montado” polo Executivo. “Esperpento que agora vai máis aló”, sinalou a central nacionalista. Así, a CIG pregúntase se as administracións “teñen algo que ocultar respecto desta traxedia” e se, coa súa forma de proceder, queren “protexer a alguén” ou teñen “algún favor que tapar”.

Segundo lembrou, “desde o primeiro momento”, as institucións tiveron “o silencio como resposta”, e a Xunta chegou a dicir que había empresas dispostas a facer a expedición de investigación de forma gratuíta. Tamén censuraron que o Goberno de España “dedicouse a atrasar a toma de decisións un ano e catro meses, cando noutras ocasións similares foi moito máis rápido”.

No ámbito xudicial, a investigación, inciden, “pasou da Audiencia Nacional aos xulgados de Marín, e dos xulgados de Marín, de novo á Audiencia Nacional, coma se fose unha pataca quente á que ninguén quería botarlle a man”.

O Goberno, con todo, desvinculouse da partida do Ártabro, alegando que a inspección está dirixida pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que é un órgano independente. Así mesmo, fontes do Executivo apuntaron que, a bordo do barco, van peritos xudiciais, un nomeado pola Audiencia Nacional, un da CIAIM, e un perito da Axencia Europea de Salvamento e Seguridade Marítima como observador.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...