InicioSociedadeO Ifevi dá luz verde ao convenio coa Xunta para a posta...

O Ifevi dá luz verde ao convenio coa Xunta para a posta en marcha do módulo de atletismo

O goberno local rexeita que se use un pavillón do recinto feiral para "unha pista de atletismo 'low cost'"

PUBLICADO O

O comité executivo do Instituto Feiral de Vigo aprobou este mércores, cos votos en contra dos representantes do Concello e a Deputación (e a favor de Xunta, CEP e Cámara de Comercio), un convenio coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta para a posta en marcha do módulo de atletismo instalado no recentemente construído pavillón 5 do recinto feiral.

O acordo, que será levado ao Consello da Xunta en próximas horas, permite pór en funcionamento unhas instalacións das que se poden beneficiar ata un milleiro de deportistas de 15 clubs da área metropolitana.

Fontes da Xunta celebraron a inminente estrea deste módulo cuberto de atletismo, “tras oito anos esperando que o Concello de Vigo arranxase os seus problemas urbanísticos para realizar a reforma das pistas de Balaídos”. Respecto diso, lembraron que o Goberno galego está disposto a colaborar con esa reforma achegando 3 millóns de euros, “sen obter polo momento resposta algunha para iniciar as obras”.

Entre tanto, poranse a disposición dos atletas as novas instalacións, nas que se investiron máis de 312.000 euros, aos que hai que engadir outros 200.000 euros do convenio aprobado este mércores.

O pavimento do novo módulo ten unha superficie de máis de 2.100 metros cadrados e as rúas de atletismo contan co pintado e sinalización da recta de 60 metros, 10 tacos de saída e 50 valos con listón de madeira.

Para o salto de lonxitude e triplo salto, conta con tres batidas de aceiro inoxidable, 8 táboas de madeira, un xogo de referencias, dúas cintas para medir, un xogo de marcas de sinalización, un nivelador de area, unha forca de area, espátula e unidades de plastina, así como o tapado do foso de case 40 metros cadrados.

A zona de lanzamento de peso conta con área de lanzamento, enrollador de cinta, cinta para medir e pesos de 2, 3, 4, 5, 6 e 7,26 quilos; o salto con pértega ten kit de cajetóin para salto con pértega de aceiro inoxidable, saltómetro de pértega, elevador de listón, medidor, zona de caída e funda protectora; e o salto de altura consta de saltómetro, zona de caída, funda protectora, medidor e tres listóns.

O contrato tamén se encarga de prover outros materiais, como un marcador individual, catro petiscos de soporte de cinta, dous carros de transporte xeral, tres carros de valos e 18 bandeiras de xuíz árbitro. Así mesmo, contémplase a provisión dun marcador ‘videofinish’, un dispositivo para comunicación da cámara marcador final de meta, un posicionador remotor e sistema inalámbrico de videocronometraje.

PISTA DE ATLETISMO ‘LOW COST’

Pola súa banda, o goberno municipal de Vigo criticou a aprobación do convenio, e lembrou que o novo pavillón construíuse nuns terreos expropiados polo Concello “para ampliar o recinto feiral, nuncia para unha pista de atletismo ‘low cost’, que é o que acaba de facer a Xunta”.

En declaracións remitidas aos medios, o portavoz do goberno local, Carlos López Font incidiu en que o uso deportivo dese pavillón supón “un importante prexuízo económico para o Ifevi e para Vigo”, xa que será cedido á Xunta e esta non pagará o aluguer (que estima en 2 millóns de euros), como si fan organizadores e expositores cando hai unha feira. “A Xunta debe pagar o aluguer, como fan os demais, e deben explicar por que se adopta esta medida que supón un trato de favor á Xunta”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...