InicioVal MiñorBaionaPiden 4 anos de cárcere para os donos dunha discoteca de Baiona...

Piden 4 anos de cárcere para os donos dunha discoteca de Baiona polos ruídos que xeraba a actividade do local

Acúsaselles dun delito contra o medio ambiente e un delito de lesións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Penal 3 de Vigo acollerá este luns e este martes unha vista contra un empresario de Baiona e o seu fillo, donos da histórica discoteca-pub ‘Villa Rosa’, acusados dun delito contra o medio ambiente e un delito de lesións, polos ruídos que xeraba a actividade do local e os prexuízos causados a un matrimonio que vivía nas inmediacións.

A vista estivo fixada para abril e para xullo pasados pero, por diversas circunstancias, foi suspendida, e finalmente sinalada para os días 4 e 5 de outubro.

Segundo se recolle no escrito de acusación da Fiscalía, “polo menos desde 2014” esta discoteca xeraba ruídos que excedían os límites legais e, a pesar das numerosas denuncias, mantivo a súa actividade. Así, as medicións realizadas entre 2014 e 2017 no exterior do local arroxaron resultados de máis de 70 decibeis (cando o máximo permitido eran 50) e as realizadas na vivenda dos denunciantes superaron con fartura os 40 decibeis (cando o máximo eran 30).

O local foi denunciado e o Concello de Baiona ordenou a suspensión da actividade e incoou expediente sancionador en 2015 polos ruídos, e tamén pola realización de certas obras sen licenza.

Pero os apercibimentos non deron resultado e, de feito, o propio consistorio foi instado os tribunais a executar esa suspensión de actividade. Aínda que se precintou a discoteca, posteriormente reabriu tras emendarse as deficiencias detectadas.

PREXUDICADOS

Un matrimonio que vivía preto do establecemento iniciou unha batalla legal polos ruídos que tiña que soportar e que lles levaron mesmo a trasladar ás súas fillas menores á casa doutros familiares cada vez que abría pola noite a ‘Villa Rosa’.

Ao longo de catro anos (acabáronse cambiando de domicilio en 2018) tiveron que soportar niveis de contaminación acústica que lles impedían descansar e que orixinaron un trastorno adaptativo asociado a “unha situación vital estresante”, segundo a Fiscalía. Así, padeceron insomnio, ansiedade, trastornos somáticos, etc., e quedoulles como secuela un trastorno neurótico.

DELITOS E PENAS

Por estes feitos, o ministerio público acusa aos procesados dun delito contra o medio ambiente e un delito de lesións, e pide para cada un deles 4 anos de prisión e o pago dunha multa de 84.000 euros.

Ademais, pide que indemnicen a cada un dos prexudicados en 39.000 euros, e paguen os gastos médicos nos que incorreron neses catro anos. Tamén solicita 4 anos de inhabilitación para exercer profesión no ámbito da hostalaría.

Por outra banda, para a sociedade creada por pai e fillo e dona do local a Fiscalía pide o abono dunha multa de 360.000 euros e o peche definitivo.

ÚLTIMAS

Hosteleiro libanés de Vigo expulsa un grupo de turistas israelís por mal comportamento no seu restaurante

Un hosteleiro libanés que rexenta un restaurante en Vigo expulsou a un grupo de...

Vigo anuncia que inicia os trámites para unha ordenanza sobre vivendas de uso turístico

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello iniciou a tramitación dunha...

OPINIÓN.- Unha cidade para quen a fixo grande

O Partido Popular de Vigo vén de propoñer que a antiga estación de autobuses...

Stellantis fai a última porposta para pagar a prima variable cun novo marco regulador

A dirección de Stellantis Vigo trasladou este xoves a sindicatos a súa última proposta...