InicioMedio Ambiente e PatrimonioA Xunta fragmenta dous proxectos de centrais hidroeléctricas no Rosal para evitar...

A Xunta fragmenta dous proxectos de centrais hidroeléctricas no Rosal para evitar a avaliación mediambiental

Salvemos Monteferro, SOS Groba e o Instituto de Estudos Miñoranos, recollen sinaturas en liña para presentar alegacións a estes proxectos de xeito urxente ante a falta de capacidade operativa dada pola Xunta sacando a exposición pública o proxecto en pleno agosto.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo conserveiro Jealsa (Escurís), a través da filial Beltaine Renewable Energy (antiga Jealsa Energía), impulsa dous proxectos de centrais hidroeléctricas reversibles de auga mariña na Serra da Groba: Fonte das Mañas (Oia) e Portocelo (O Rosal). Presentados en pleno verán e con prazos de alegación exíguos —ata o 12 de agosto para Fonte das Mañas e o 17 de agosto para Portocelo—, os expedientes chegan nun momento no que a capacidade de resposta cidadáe da administración está minguada pola época estival.

O proxecto e os seus riscos

As memorias técnicas describen instalacións que bombearían auga do mar a balsas artificiais na parte alta do monte para logo turbinala e xerar electricidade. A execución require escavacións, movementos de terra, túneles e ocupación do dominio público marítimo‑terrestre na franxa costeira. A documentación admite afeccións directas a espazos protexidos e sitúa as obras en áreas con valor xeolóxico e hábitats mariños sensibles. As transformacións xeomorfolóxicas previstas son permanentes e irreversibles.

A pregunta sen resposta: de onde sairá a enerxía para bombear

As centrais precisan grandes cantidades de enerxía renovable para bombear a auga. Non obstante, os proxectos non especifican claramente a orixe desa enerxía nin as liñas de conexión necesarias. Segundo os propios datos técnicos, para operar con orixe 100% renovable faría falta instalar entre o dobre e case o triplo da potencia das centrais en parques solares e eólicos, sen contar perdas por transporte se a enerxía viñese de lonxe. A ausencia de explicacións sobre este punto deixa en dúbida a viabilidade real e o impacto adicional que suporía a infraestrutura necesaria para abastecer as bombas.

Fragmentación administrativa e vínculos empresariais

Fonte das Mañas e Portocelo tramítanse como proxectos separados, pero a documentación técnica e societaria amosa vínculos que apuntan a unha operación conxunta. As tres memorias relacionadas co ámbito (incluíndo Punta Centinela, en Mougás) comparten responsables técnicos e coincidencias societarias que suxiren unha estratexia de fragmentación para evitar a avaliación conxunta dos efectos acumulativos. Ademais, a liña de evacuación eléctrica de Portocelo remata na subestación prevista para Fonte das Mañas, o que evidencia dependencia operativa entre ambos proxectos.

Impactos sobre patrimonio e comunidade

As obras afectarían cabeceiras hidrográficas, montes comunais, estacións de arte rupestre e complexos tumulares pendentes de catalogación, así como tramos do Camiño Portugués da Costa e a paisaxe litoral protexida polo Plan de Ordenación do Litoral da propia Xunta de Galicia. A ocupación do dominio público marítimo‑terrestre e as escavacións ameazan recursos naturais, culturais e turísticos que sosteñen a economía local.

A nocturnidade do calendario

Presentar proxectos desta magnitude en xullo e con prazos de 20 días para alegar non é neutro. Co persoal municipal reducido, moitas persoas de vacacións e colectivos locais con menos capacidade de reacción, o escrutinio público redúcese. Ese calendario dificulta o acceso á documentación técnica, a consulta con asesoramento especializado e a presentación de alegacións ben fundamentadas.

Recollida de sinaturas en liña

Ambos os dous proxectos están agora en fase de información pública, o que significa que calquera persoa pode presentar alegacións para que a Administración as teña en conta antes de resolver. Os colectivos Salvemos Monteferro, SOS Groba e o Instituto de Estudos Miñoráns,  poñen en marcha un modelo de alegación dixital para facelo de forma sinxela cumplimentando o formulario. Os colectivos encargaríanse de achegar as alegacións en representación dos cidadáns asinantes.

Para asinar a alegación pode facerse nesta ligazón

ÚLTIMAS

Caballero: “A sanidade de Vigo vive a situación máis calamitosa da historia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu denunciar este martes a "situación calamitosa" da...

O BNG de Vigo denuncia unha “crise de emprego” na cidade e lamenta a ausencia de políticas do goberno local

O BNG de Vigo alertou este martes sobre a "preocupante e insostíbel" realidade do...

A Deputación de Ourense destina 150.000 euros ao proxecto piloto da UVigo vinculado á creación dun ‘hub termal’

A Deputación de Ourense aprobou na xunta de goberno a concesión dunha subvención de...

Ecoloxistas e veciños de Matamá denuncian afeccións á saúde por contaminación das naves de pintura de Stellantis

Representantes da Asociación Veciñal "A Unión" de Matamá, en Vigo, e de Ecoloxistas en...