InicioSucesosRatificada a condena de 12 anos de cárcere para un home que...

Ratificada a condena de 12 anos de cárcere para un home que tentou matar á súa parella en Cangas

Os feitos polos que foi condenado en primeira instancia pola Audiencia Provincial de Pontevedra tiveron lugar en febreiro de 2019, no domicilio que acusado e vítima compartían en Cangas.

PUBLICADO O

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto por un home condenado por tentar asasinar á súa parella en Cangas, e ratificou dita condena, de 12 anos e medio de prisión.

Os feitos polos que foi condenado en primeira instancia pola Audiencia Provincial de Pontevedra tiveron lugar en febreiro de 2019, no domicilio que acusado e vítima compartían en Cangas. O home, Juan Carlos G.N., chegou á casa acompañado da filla de 10 anos da súa parella, que estaba no domicilio cunha prima súa.

A muller, ao velo “molesto” foi detrás del ata o dormitorio e alí discutiron. Nun momento determinado, usando un obxecto inciso, Juan Carlos agarrouna do pescozo con intención de cravarllo pero, ao revolverse ela, só conseguiu facerlle un corte na cara.

A muller pediu auxilio a berros e tentou escapar, pero o agresor alcanzouna e cravoulle o obxecto na zona do ril dereito. A curmá acudiu a socorrela e, ao vela, Juan Carlos preguntoulle: “Queres que che dea tamén?”. Finalmente, o acusado abandonou o domicilio e foi detido horas despois en Xinzo da Limia.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno a 12 anos e medio de cárcere por unha tentativa de asasinato, e impúxolle unha orde de afastamento da vítima (que tivo secuelas físicas e psicolóxicas, e trasladou o seu domicilio fóra de Galicia pola tensión postraumática). Así mesmo, estableceu que indemnizase á muller en máis de 53.000 euros, e ao Sergas en case 4.700 euros.

RECURSO DE APELACIÓN

A defensa de Juan Carlos G.N. presentou recurso de apelación alegando que non houbo delito de asasinato nin aleivosía, xa que o acusado sostén que foi a vítima quen lle atacou primeiro e, na liorta, feriuse. Ademais, sostén que non tivo ánimo de matala e que, en todo caso, podendo acabar coa súa vida, non o fixo.

O TSXG rexeitou estes argumentos, e lembrou que os informes periciais puxeron de manifesto que as feridas da muller “non son compatibles cunha autolesión”, e que o acusado dirixiu o seu ataque ao pescozo, unha zona vital. Así mesmo, o alto tribunal galego sinala na súa resolución que a muller puido salvar a súa vida pola rápida intervención dos médicos e porque a súa curmá interrompeu o ataque ao entrar na habitación.

Finalmente, tamén desestima o argumento da aplicación da atenuante de reparación do dano, porque entende que a achega de 250 euros por parte do acusado non cumpre as condicións para considerarse reparación e porque tampouco houbo “arrepentimento” do procesado.

ÚLTIMAS

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da...

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...