InicioSociedadeSanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha...

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Segundo traslada a CIG, Ambulancias do Atlántico renuncia aos contratos coa Administración e Adeslas anuncia a súa intención de entrar en concurso de acreedores.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da CIG, CCOO e USO, reuníronse o pasado venres para abordar a complexa situación na que se atopan os traballadores da ambulancias na área sanitaria viguesa. Na reunión, segundo traslada a CIG, as responsables autonómicas volveron expresar a súa preocupación pola situación do persoal sanitario da empresa ‘Ambulancias do Atlántico’ e indicaron que este é un asunto absolutamente prioritario para a Xunta de Galiza.

Así mesmo, explicaron tamén que se trata dunha situación dunha enorme complexidade técnica e que nunca antes se enfrontaron a unha situación similar cunha empresa que preste servizo público, xa non na Consellería de Sanidade, se non en toda na Xunta. Sen embargo, insistiron en que asumir a xestión directa do servizo público de transporte sanitario non é unha posibilidade e manifestaron que o pago directo das nóminas por parte da Consellería non é unha opción viable. En todo caso calquera solución pasaría por contar con outra empresa concesionaria que asuma o servizo.

Nesta xuntanza recoñeceron que a solución proposta pola Consellería a semana pasada de adiantar o diñeiro da facturación mensual ao empresario Carlos Simón para que puidese pagar as nóminas,  non era xa unha opción viable polo perigo de que o diñeiro volvese desaparecer das contas da empresa. Polo tanto, a única opción viable para o Sergas é a de solicitar a colaboración da Intervención Xeral da Xunta, dependente da Consellería de Facenda, para nomear a figura dunha persoa que actúe como interventora na empresa.

Representantes do comité de folga da empresa Ambulancias do Atlántico acusaron ao Sergas de perder un tempo crucial intentando negociar co empresario Carlos Simón e a súa contorna en lugar de iniciar de inmediato a intervención pública da empresa, que segundo as previsións da Xunta, se levará a cabo o 29 de abril para o 061 e 6 de maio no servizo programado.

ABANDONO DE RESPONSABILIDADES NA XERENCIA

Durante esta semana, tanto responsables da Consellería como representantes da empresa indicaron á representación de CIG, CCOO e USO que o empresario Carlos Simón volveu “marchar” abandonando as súas responsabilidades na xerencia da empresa. Así, nomeou ao seu irmán e tamén empresario Óscar Simón, investigado dende marzo de 2023 polos Mossos d’Esquadra e a Guardia Civil e interrogado pola Audiencia Nacional no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalanas, como único interlocutor válido da empresa.

Óscar Simón comunicou á Consellería de Sanidade que conta co seu compromiso persoal para facilitar o proceso de transición no cambio de empresa licitadora e para garantir o abono no pago de salarios, pero matizou que en ningún caso se poderá contar co seu compromiso patrimonial para estes fins. “A nova fuxida do empresario e o cambio de interlocutor na empresa, non da ningún tipo de confianza nin garantías á representación do persoal traballador”, expón a Confederación Intersindical Galega.

CONVOCATORIAS DE FOLGA

O persoal traballador de Ambulancias do Atlántico acordou onte en asemblea que a folga convocada para os días 2 e 3 de maio non se paralizará a non ser que a totalidade das nóminas de abril estean abonadas antes do día 1 de maio, tal e como quedou acordado coa empresa concesionaria.

Advirten que a situación é totalmente insostible e que de non cumprir estes prazos enfrontaranse a unha folga “dura” con mobilizacións nas que contarán co persoal doutras áreas sanitarias que xa anunciaron a súa presencia en Vigo para colaborar de forma solidaria nas protestas.

Así mesmo, a concentración prevista para o vindeiro xoves 2 de maio diante da sede do Sergas en García Barbón, non se cancelará aínda que o persoal cobre as súas nóminas posto que os incumprimentos graves en materia laboral así como outras débedas económicas continúan sen resolverse.

En previsión de que o conflito se estenda no tempo, as centrais sindicais de CIG, CCOO e USO comezaron dende onte a recadar cartos entre o persoal para a creación dunha caixa de resistencia que poida paliar o impacto económico das persoas traballadoras que secunden a folga.

ÚLTIMAS

Protestas de traballadores da limpeza en GKN de Vigo contra a precarización das súas condicións

O persoal da empresa Clece, encargada da limpeza na empresa de automoción GKN de...

Situacións de tensión en Vigo tras quedar xente atrapada en ascensores por avería eléctrica

O 112 Galicia recibiu á primeira hora da mañá deste luns varias chamadas de auxilio...

Sindicatos concéntranse en Vigo para reclamar mellores condicións do persoal da Seguridade Social

Os sindicatos CSIF, CC.OO. e CIG concentráronse en Vigo para reclamar melloras nas condicións laborais...

Stellantis non descarta o peche de plantas ante o crecemento da competencia chinesa

O conselleiro delegado Stellantis, Carlos Tavares, indicou nunha entrevista publicada este luns que o...