Detido o xerente dunha empresa do Morrazo por suposto acoso sexual a unha empregada menor de idade

O administrador tamén foi arrestado por ter aos traballadores sen contrato e sen dar de alta na Seguridade Social

Imaxe de acoso no Reino Unido / El Confidencial

Axentes da Garda Civil do posto de Cangas detiveron ao xerente dunha empresa da comarca do Morrazo como presunto autor dun delito de acoso sexual a unha empregada, de 17 anos de idade, e impútanlle tamén, xunto co administrador da empresa (que tamén foi detido), un suposto delito contra os dereitos dos traballadores.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a investigación iniciouse por mor da denuncia interposta pola nai da empregada, quen relatou que a menor estaba a sufrir episodios de acoso sexual por parte do xerente da empresa na que traballaba.

No marco das pescudas iniciadas por esta denuncia, a Garda Civil realizou, con apoio da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, unha inspección laboral da empresa, na que se detectaron graves irregularidades.

EMPREGADOS SEN CONTRATO NIN SEGURIDADE SOCIAL

Así, todos os empregados excepto un, que é familiar do administrador, estaban a traballar sen contrato, sen dar de alta na Seguridade Social e cuns soldos moi inferiores ao salario mínimo interprofesional.

Os inspectores tamén detectaron importantes carencias no ámbito da seguridade e hixiene laboral e, sen prexuízo dos expedientes que se poidan incoar por vía administrativa, a Garda Civil detivo, ademais do xerente, tamén ao administrador da empresa por un suposto delito contra os dereitos dos traballadores.

Ambos quedaron en liberdade, coa obrigación de comparecer ante o xulgado de instrución de Cangas cando así sexan requiridos.