InicioSucesosFiscalía pide multa para un delegado do SIT en Citroën por agredir...

Fiscalía pide multa para un delegado do SIT en Citroën por agredir a un de CC.OO. nas eleccións sindicais

O denunciando asegura que o outro delegado "se tirou ao chan" e que non o golpeou.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía pediu que se multe con 210 euros a un delegado do sindicato SIT por agredir a outro representante dos traballadores, de CC.OO., durante a xornada de eleccións sindicais celebrada na planta de PSA Peugeot Citroën o pasado mes de outubro.

O xulgado de instrución número 5 de Vigo acolleu este xoves a vista, tras a denuncia interposta polo delegado de CC.OO. contra o representante do SIT. O Ministerio Público solicitou como pena o pago dunha multa de 210 euros e unha indemnización de 200 euros (a tanto alzado) por un delito leve de lesións ou, alternativamente, por un delito de ameazas.

Así, a Fiscal considerou acreditado que, no día dos feitos –o 22 de outubro de 2018–, o delegado do SIT encarouse co representante de CC.OO. e, ou ben lle deu unha cabezada ou ben fixo ademán de darlla de forma ameazante, polo que o denunciante caeu de costas ao chan.

En todo caso, a acusación pública incidiu en que se tratou dun incidente “leve”, que “se magnificou”, e lamentou que este incidente chegase a xuízo e non se liquidase antes por outras vías.

Pola súa banda, o avogado do denunciante pediu para o acusado multa de 360 euros e unha indemnización de 303,52 euros. Mentres, o letrado da defensa, solicitou que non sexa condenado, ao entender que non se cometeu delito algún.

VERSIÓNS CONTRAPOSTAS

O delegado supostamente agredido manifestou ante o tribunal que o enfrontamento se produciu cando se lle recriminou ao delegado do SIT que pretendese participar nunha reunión de secretarios xerais (convocados para resolver unhas queixas sobre a garantía do segredo de voto nesa xornada de eleccións sindicais), a pesar de que non ostenta ese cargo.

Segundo a súa versión, o denunciado increpoulle mentres se achegaba a el e, ao chegar onde estaba, de fronte, propinoulle unha forte cabezada que lle deu no beizo e o tirou ao chan. Así mesmo, manifestou que tivo lesións na parte posterior da cabeza e no cóbado dereito.

Varias testemuñas desta parte, delegados dos sindicatos UGT e CUT, que se atopaban no lugar e momento do incidente, corroboraron a súa versión dos feitos.

Con todo, outras testemuñas achegadas polo denunciado, que son traballadores afiliados ao SIT, apoiaron a versión deste, moi diferente á do denunciante.

Así, o delegado do SIT asegurou que se produciu unha discusión co outro traballador, pero negou que lle golpeou. De feito, declarou que o denunciante “se tirou ao chan” de forma intencionada, ao seu xuízo, dentro dunha estratexia dos demais sindicatos para “desvirtuar” o resultado desa xornada electoral (na que o SIT volveu revalidar a súa maioría no comité).

Ademais de varias testemuñas que coincidiron en sinalar que o delegado de CC.OO. “caeu ao chan sen que lle golpeasen”, a doutora do servizo médico da fábrica, tamén afiliada ao SIT, corroborou que o denunciante non presentaba lesións evidentes nin estaba mareado.

ÚLTIMAS

Falece Jaime Cagiao, fillo de Carmen Avendaño e referente da asociación Érguete

O vigués Jaime Cagiao, un do cinco fillos da fundadora da asociación Érguete, Carmen...

Remolcan unha embarcación fronte ás illas Cíes que quedou sen propulsión con 11 persoas a bordo

Salvamento Marítimo remolcou a pasada noite a embarcación de pasaxe 'Salacia', que quedou sen propulsión fronte á...

Axentes interveñen nunha pelexa entre pais tras unha discusión dos seus fillos

Axentes da Policía Local, con apoio de efectivos da Policía Nacional, interviñeron nunha pelexa...

Un acertante de ‘A Primitiva’ gana máis de 1,2 millóns de euros en Vigo

O dono dun boleto de 'La Primitiva' validado en Vigo percibirá máis de 1,2 millóns...