Cinco persoas dunha mesma familia foron trasladadas este sábado ao hospital tras resultar intoxicadas por monóxido de carbono en Vigo, debido a unha fuga nun quentador de gas en mal estado. Segundo indicou o 112 Galicia, foi ao redor da medianoite cando profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 solicitaron a intervención doutros servizos de emerxencia por varias persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda da Travesía de Vigo. Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron o escape nun quentador de gas en mal estado e procederon a ventilar as estancias. Pola súa banda, o persoal sanitario encargouse do traslado do cinco persoas afectadas ao hospital.
INCENDIO NUN GARAXE
Doutra banda, rexistrouse un incendio nun garaxe de Tui, concretamente no lugar de Corvaceiras, en Randufe. Aínda que a estrutura do garaxe quedou moi danada, non houbo que lamentar danos persoais, con todo, o lume calcinou un coche e unha moto, así como diferentes mobles e materiais almacenados no interior. O 112 Galicia foi alertado pasadas as 23.00 horas deste sábado a través dun veciño, quen explicou que un turismo comezara a arder dentro do garaxe, separado da vivenda principal. Pouco despois, confirmaba que estaban a sacar outros vehículos do interior. Nas tarefas de extinción participaron os Bombeiros do Porriño, que contaron coa colaboración da Garda Civil e da Policía Local e Protección Civil de Tui.