InicioSucesosO TSXG establece que o SERGAS debe indemnizar con 30.000 euros a...

O TSXG establece que o SERGAS debe indemnizar con 30.000 euros a un paciente que tardou un ano en ser operado dunha hernia discal

O paciente foi intervido en decembro de 2019 e, un ano despois, recoñecéuselle unha incapacidade permanente total para a súa profesión habitual de soldador-fabricador de cisternas.

PUBLICADO O

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou parcialmente un recurso presentado por un paciente que foi operado no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo dunha hernia discal, debido a que a intervención se realizou un ano despois de ser incluído na lista de espera, a pesar de que se trataba dunha operación de prioridade 2 e o tempo de demora recomendable non debía superar os 90 días.

Segundo a sentenza, o home comezou a ter dores lumbares en maio de 2017 e acudiu varias veces ao seu centro de saúde da Guarda. Ao ver que os tratamentos non ofrecían efecto, e a dor lle impedía mesmo camiñar, foi derivado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

En xullo de 2017 foi valorado pola Unidade de Columna do servizo de Traumatoloxía e, tras unha resonancia realizada en agosto, revelouse unha hernia discal, para a que se lle pautou rehabilitación. O tratamento rehabilitador non foi eficaz e, en xuño de 2018, o paciente foi proposto para ser intervido cirurxicamente.

O Sergas incluíuno na lista de espera en decembro dese ano, xa que o propio afectado pediu que se atrasase ao ter pendente outra operación, e tamén rexeitou ser operado nun centro concertado. Seis meses despois, en xuño de 2019, seguía pendente de ser intervido da hernia discal, e referiu un empeoramento no seu estado de saúde.

Finalmente, foi intervido en decembro de 2019 e, un ano despois, recoñecéuselle unha incapacidade permanente total para a súa profesión habitual de soldador-fabricador de cisternas.

RECLAMACIÓN

O paciente presentou unha reclamación ante o Sergas, que foi desestimada, e logo recorreu aos tribunais. En primeira instancia, as súas pretensións (reclamaba unha indemnización de máis de 121.000 euros) foron rexeitadas, e recorreu ao TSXG, que estimou parcialmente os seus argumentos.

O alto tribunal galego entende que non houbo ausencia de consentimento informado e que tampouco se produciu mala praxe, xa que o tratamento aplicado foi “adecuado e ajsutado ás normas da ‘lex artis ad hoc'”. “Ningún dos diagnósticos alcanzados a través das probas que se lle practicaron fixo visible a referida urxencia. Non se escatimaron medios de probas diagnósticas”, recolle o TSXG na súa sentenza.

Con todo, si recoñece que houbo unha “demora manifesta” na realización da cirurxía, que foi un ano despois de entrar en lista de espera, e ese atraso “foi susceptible de producir un agravamento na doenza diagnosticada”.

Respecto diso, sinala que “subsiste a dúbida acerca do que puidese acontecer (…) de actuarse con outra dilixencia e prema”, polo que debe aplicarse a doutrina da ‘perda de oportunidade’.

Iso implica, para os maxistrados, que o Sergas (e a súa compañía aseguradora, solidariamente) está obrigado a resarcir a este paciente e, aínda que considera “desorbitada” a cantidade reclamada polo recorrente, establece unha indemnización de 30.000 euros.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...