A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, confirmou este mércores que a estación de autobuses intermodal de Urzaiz abrirase o vindeiro sábado, 17 de decembro.
A representante do Goberno galego na cidade olívica cargou contra a “oposición” do goberno local á apertura desta infraestrutura, asegurando que esa posición é “vergoñosa” ao considerar que “pretende deixar aos cidadáns sen un servizo vital”.
“Cando criamos que non era posible unha actitude máis indigna e ruin, o Concello de Vigo antepón outra vez os seus intereses partidistas ao benestar dos vigueses e toma unha postura en contra da cidadanía”, sinalou Fernández-Tapias.
Así mesmo, a delegada autonómica indicou que “dende fai seis meses o alcalde tentou frear por todos os medios a apertura da estación”. “Como é posible que falen agora de coordinarse cando seguimos esperando resposta ás cartas que remitimos en xuño e xullo para abrir a estación?”, cuestionou.
Fernández-Tapias tamén apuntou que xa esperaba novos impedimentos á apertura da estación. “Xa o sabiamos e veño anunciando de forma reiterada que seguirá mentindo porque non quere que se abra a estación ao ser un investimento da Xunta de Galicia e desmoronarse así a súa teoría da conspiración“, engadiu.
Ademais, a representante autonómica lembrou que a nova estación de autobuses está finalizada desde fai seis meses e que non se puido pór en marcha polos constantes impedimentos de Abel Caballero.
“Primeiro dixo que as súas obras non afectaban á estación intemodal, despois que non facían falta os permisos, máis tarde que non tiñamos nada preparado ou que non quería os autobuses pola cidade. É unha permanente negativa polo feito de que é unha obra da Xunta”, criticou.
POSTURA DO CONCELLO DE VIGO
As palabras de Fernández-Tapias prodúcense pouco despois de que, este mércores, falase sobre o tema o concelleiro da área de Fomento, Javier Pardo.
En rolda de prensa, Pardo asegurou que “desde o Concello ofrécese toda a cooperación para a posta en funcionamento para a nova estación de autobuses“.
“Entendemos que é a Xunta de Galicia a que ten que tomar a decisión sobre a data na que quere realizar o traslado. A data decídena eles. O que desde o Concello de Vigo dicimos é que sempre teñen que tomar esa data tendo en conta que se deben respectar as normas de tráfico, que son de competencia municipal”, sinalou.
Pardo tamén criticou que, a día de hoxe, a Xunta “non trasladou aínda toda a información necesaria sobre o número de rutas e paradas que pretenden realizar”. “Non temos aínda toda a información necesaria para un traslado dese calibre”, cuestionou.
“Se o Goberno galego quere implantar novas paradas na cidade, debe solicitalas para que o Concello poida analizalas e decidir respecto diso en función do tráfico da cidade”, sentenciou Pardo, non sen antes lembrar que, desde o principio, Caballero “tendeu a man” e ofreceu “total cooperación” coa Xunta.