Sindicatos desconvocaron a concentración prevista para este venres en Vigo no marco da folga do sector da perfumería, despois de acadaren un preacordo coa patronal na negociación do convenio. A protesta, que procuraba conseguir “un convenio digno”, íase celebrar a partir das 10.00 horas na escalinata do Museo Marco, en Príncipe, co obxectivo de lograr melloras salariais, unha xornada menor e mellores condicións de traballo.
Finalmente, o sector da perfumería e a cosmética desconvocou os paros convocados despois de que CC.OO. de Industria e UGT-FICA chegasen a un preacordo coa patronal –a Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética (Stanpa)– sobre o Convenio Colectivo Estatal de Perfumería e Afíns.
As xornadas de folga estaban previstas para este venres, 27 de novembro, e para o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, datas coincidentes coas campañas de “Black Friday” e Nadal. O preacordo recolle subas salariais do 4,5% en 2026, do 3,6% en 2027 e do 3% en 2028 e en 2029, e inclúe unha cláusula de actualización bianual vinculada ao IPC e sen límites.
