O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago, deu a benvida aos dous axentes da Polícia de Segurança Pública (PSP) de Portugal que, desde este xoves, patrullan polas rúas de Vigo xunto a axentes da Policía Nacional, con motivo da campaña de Nadal, que recibe numerosos visitantes do país veciño.
É a primeira vez que se activa este protocolo de colaboración nunha campaña de Nadal, que estará vixente ata o 3 de decembro no marco das chamadas Comisarías Europeas, coincidindo coa ponte da Restauración da Independencia en Portugal, e despois das patrullas conxuntas que xa se realizan no verán.
No acto de benvida, ademais do subdelegado, participaron tamén o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva; o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; e o comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez. Os dous axentes portugueses que están estes días en Vigo proceden do Comando Distrital de Viana de Castelo e patrullarán cos seus compañeiros españois polas rúas da cidade olívica cos seus uniformes para que os turistas portugueses poidan identificalos.
As patrullas conxuntas desenvolven labores de prevención da delincuencia e prestan asistencia aos visitantes lusos no seu propio idioma. “O Nadal de Vigo atrae cada ano numerosos visitantes portugueses e queremos que atopen unha cidade acolledora, segura e preparada para atendelos tamén no seu propio idioma“, sinalou Alfonso Lago, que agradeceu á PSP e á Policía Nacional o seu implicación nesta iniciativa, que cualificou como “un exemplo de cooperación europea que se traduce nun mellor servizo á cidadanía”.
O proxecto Comisarías Europeas iniciou-se en 2008 coa colaboración entre España e Francia, e ampliouse a Portugal en 2012. A Comisaría de Vigo-Redondela participa desde 2013 mediante intercambios de axentes coa PSP. De feito, este ano, entre o 19 e o 23 de novembro, un axente da comisaría viguesa integrouse nun dispositivo policial conxunto en Leiría con motivo do evento “Leiría sobre Rodas”.
