O Consorcio de Augas do Louro garante o subministro de auga potable

Asegura que, aínda que o encoro de Eiras baixe ata o 40 % da súa capacidade, está en condicións de tratar a auga que se distribúe a estes municipios.

Responsables municipais do Consorcio de Augas do Louro coa directora de Augas de Galicia.. CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO

O comité do Consorcio de Augas do Louro (organismo que integra os municipios do Porriño, Mos, Salceda e Tui) reuniuse este luns coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para comprobar a “autonomía” da rede de abastecemento en caso de alerta por seca, e garantiu que, aínda que o encoro de Eiras baixe ata o 40 % da súa capacidade, está en condicións de tratar a auga que se distribúe a estes municipios.

O Consorcio apuntou que, “a diferenza doutros concellos, como o de Vigo”, nestes municipios si se pode garantir a auga aínda que a presa estea en niveis baixos, xa que ten capacidade para tratar o recurso (que, cando se atopa en cotas máis baixas no encoro, presenta maior turbidez, material en suspensión e ferro).

No caso da cidade olívica, segundo sinalou a Xunta, o principal problema é a estación potabilizadora, unha instalación obsoleta que non pode tratar con eficacia a auga embalsada en cotas tan baixas. Por contra, o Consorcio asegurou que si pode facelo “grazas a un sistema de bombeo e potabilización” que permite manter a subministración de auga para consumo humano.

Con todo, e aínda que actualmente non está comprometida a dispoñibilidade de auga, os responsables municipais do Porriño, Salceda, Mos e Tui apuntaron que a situación pode complicarse se persiste a seca, polo que fixeron un chamamento a un consumo responsable. Desde hai meses, sinalaron, nestes municipios xa se foron tomando medidas de aforro e activouse o plan de emerxencia contra a seca.