InicioSociedadeAmeaza de folga do lixo en Vigo en plena onda de calor

Ameaza de folga do lixo en Vigo en plena onda de calor

Os traballadores din que a empresa non quere negociar. O contrato do servizo do lixo foi adxudicado á multinacional FCC hai menos de dous meses.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cidade de Vigo afronta, a partir do venres e se non hai acordo de última hora, unha folga indefinida no servizo de recollida de lixos e limpeza viaria (incluída a limpeza de praias), en plena onda de calor e cunha previsión de 36 graos de temperatura máxima na primeira xornada de paro.

A principios de semana pactáronse os servizos mínimos, que inclúen a recollida de lixo en puntos vulnerables, é dicir, contorna dos centros de saúde, escolas infantís, centros de maiores, e centros comerciais.

Segundo informou o presidente do comité, Rufino Santalices (CIG), que participou este mércores nunha concentración de protesta ante as oficinas da concesionaria en Vigo, haberá un camión de recollida de lixo por cada quenda (mañá, tarde e noite) e un retén de emerxencia na nave de Camposancos por cada quenda, formado por condutor, dous peóns e unha baldeadora, que estarán dispoñibles “só para casos de urxencia”.

Santalices confirmou tamén que, ata o momento e a 48 horas do inicio da folga indefinida, non houbo contacto por parte da empresa para sentar a negociar, algo ao que están dispostos os traballadores “en calquera momento e a calquera hora”. “Os menos interesados en que haxa folga somos nós, como traballadores, porque perderemos poder adquisitivo, e como cidadáns, que imos padecer as consecuencias (do lixo na rúa) con esta calor”, afirmou.

NEGOCIACIÓN DO CONVENIO

Os traballadores do servizo decidiron en asemblea convocar folga indefinida como medida de presión ante a negativa da empresa de aceptar unha cláusula de revisión salarial no convenio ou a súa intención de “recortar dereitos adquiridos”, como complementos por IT ou a posibilidade de prexubilación aos 62 anos.

A convocatoria do paro indefinido afecta a uns 500 operarios dun servizo que recolle ao redor de 350 toneladas de lixo cada día na cidade olívica. Dáse a circunstancia de que o actual servizo foi adxudicado a FCC hai pouco menos de dous meses por parte do Concello, que unificou a limpeza viaria, a recollida de lixo, os colectores, limpeza de praias e reciclaxe nun único macrocontrato. A adxudicación fíxose por 9 anos (máis a metade do ano 2022) por máis de 400 millóns de euros, con posibilidade de dous anos máis de prórroga.

ÚLTIMAS

A praza baleira e a nosa débeda con Martínez Garrido

O outro día atopeime cunha imaxe tan chocante como reveladora: o busto do Rei...

O PP afea a Caballero que se acorde das familias “só en ano electoral” e pide recuperar as axudas para libros

O grupo municipal do PP en Vigo reclamou este martes ao goberno local que...

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...