InicioSociedadeUnha vintena de profesionais de cirurxía extirpan con éxito un tumor de...

Unha vintena de profesionais de cirurxía extirpan con éxito un tumor de gran tamaño nunha operación de 8 horas en Vigo

O tumor, nun ril, estendeuse ata a aurícula dereita do corazón do paciente

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha vintena de especialistas de cinco servizos cirúrxicos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo lograron realizar con éxito unha intervención para extirpar un tumor de gran tamaño a un paciente de 64 anos, que xa foi dado de alta.

Segundo informou o Sergas, na intervención, que se prolongou durante 8 horas, participaron profesionais dos servizos de Uroloxía, Cirurxía Vascular, Cirurxía Xeral, Cirurxía Cardíaca e Anestesia, que conseguiron extirpar un tumor de ril que crecera ata chegar ao corazón do paciente.

Ademais destes especialistas, tamén interviñeron no proceso profesionais da Unidade de Radioloxía Intervencionista, e os servizos de Radioloxía e Cardioloxía, aos que hai que sumar persoal de enfermaría, perfusionista, técnicos de imaxe diagnóstica e celadores.

O paciente é un vigués de 64 anos que presentaba un tumor maligno no seu ril dereito, que se infiltrou pola vea renal, ocupando toda a vea cava e veas do fígado, e chegando á aurícula dereita do corazón.

O coordinador da intervención, o urólogo Benito Rodríguez, subliñou que se trata dunha “patoloxía moi infrecuente” e a abordaxe da cirurxía presentaba “gran complexidade”, e a necesidade dunha intervención multidisciplinar. Así, ademais do esforzo do equipo humano, foi necesaria unha importante dotación tecnolóxica do hospital Álvaro Cunqueiro.

OPERACIÓN COMPLEXA

A operación consistiu nunha extirpación radical do ril dereito e do trombo tumoral da vea cava e da aurícula dereita. Para iso, os cirurxiáns tiveron que abrir a aurícula do corazón para extraer o tumor e, posteriormente, reconstruír a vea cava.

Neste proceso foi necesario empregar o sistema de circulación extracorpórea, no que unha máquina realiza a función do corazón do paciente. Así, conéctanse a este aparello as veas e arterias principais, a máquina recibe o sangue e osixénaa, antes de devolvela ao organismo.

O doutor Rodríguez puxo en valor o traballo realizado polos profesionais nesta cirurxía “de alto risco e moi esixente”, e destacou a “gran coordinación” e “rigoroso labor previo de planificación”.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...