Miles de persoas (unhas 20.000 segundo a Policía Local) manifestáronse este xoves polas rúas do centro de Vigo, nun acto reivindicativo convocado pola Xunta de Persoal da área sanitaria, para defender a sanidade pública e para reclamar máis medios para a Atención Primaria.
A marcha saíu da PAC da rúa Pizarro, e tras percorrer Gran Vía e Urzáiz, finalizou xunto ao Farol na confluencia con Príncipe e Colón, onde se leu un manifesto, no que os profesionais advertiron de que “a Atención Primaria da área de Vigo está en perigo “extremo” e que a “deterioración” dos últimos meses pona “ao bordo do colapso”.
Así mesmo, lembraron as súas reivindicacións de máis persoal, máis investimento, estruturas de xestión propia con orzamento propio, maior acceso a probas diagnósticas e a especialidades hospitalarias.
Por outra banda, lamentaron que a crise do Covid chegou cunha Atención Primaria “debilitada”, a pesar de ser un servizo “fundamental” para o seguimento e control da pandemia. A iso sumáronse as “barreiras de acceso” aos centros de saúde, a suspensión de consultas, probas e intervencións, que afectaron á saúde da poboación e “están a xerar un gran malestar” entre os profesionais e os usuarios.
“Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supor volver á situación anterior de masificación e medicalización da Atención Primaria”, advertiron, e denunciaron que se está superando o límite de 30 pacientes ao día nas consultas, hai listas de espera que reflicten a falta de persoal, e a PAC reciben unha presión “insoportable”.
Na marcha participaron plataformas de defensa da sanidade pública de numerosos municipios da comarca, como O Rosal, Tomiño, A Guarda, Mondariz, Covelo, Oia ou Cangas, así como sindicatos e outros colectivos.
APOIOS POLÍTICOS
Na marcha de protesta participaron tamén o alcalde da cidade, Abel Caballero, xunto a concelleiros do grupo de goberno e outros corporativos de formacións de esquerda.
O alcalde, Abel Caballero denunciou este xoves que a Atención Primaria de Vigo está “pésimamente atendida” pola Xunta, e que os usuarios deben padecer “larguísimas listas de espera”. Así, recalcou que “é imprescindible contar con máis persoal”, á vez que advertiu de que a manifestación deste xoves “non é máis que o principio” dunha serie de protestas para demandar o que a cidade merece en diversos ámbitos.
Nesta xornada, tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu apoio á profesionais da área sanitaria de Vigo e advertiu de que é un “momento decisivo” para a sanidade pública, que hai que “defendela con uñas e dentes” fronte a un goberno da Xunta que “leva doce anos pondo ante as cordas” o sistema público, cun “plan de demolición”.
RESPOSTA DO SERGAS
Pola súa banda, o Sergas afirmou este xoves que o compromiso da Xunta coa Atención Primaria de Vigo é “incuestionable” e que, non en balde, a área sanitaria ten este ano o orzamento máis alto da súa historia, de 848 millóns de euros, dos que 244 destínanse a Primaria.
A través dun comunicado, Sanidade reivindicou as medidas postas en marcha para reducir a carga asistencial nos centros de saúde na última onda da pandemia de Covid, así como outras melloras implementadas ao longo dos últimos anos.
Segundo indicaron fontes da Consellería, no último quinquenio creáronse 76 novas prazas na Atención Primaria da área de Vigo, a maioría nos últimos dous anos, a pesar da falta de persoal facultativo no mercado laboral. Así, actualmente traballan 1.909 persoas na área sanitaria de Vigo, das que 671 son persoal médico.
O Sergas tamén defendeu que a cota de pacientes por médico (1.300) está por baixo das recomendacións do Ministerio de Sanidade para 2022; e puxo en valor a apertura ou reforma de ata 15 centros de saúde nos últimos anos, así como a implantación doutras melloras, como as axendas de calidade ou os plans locais de saúde (en elaboración).