InicioSociedadeO Supremo confirma 9 anos de prisión para o fundador dos 'Miguelianos'...

O Supremo confirma 9 anos de prisión para o fundador dos ‘Miguelianos’ por abuso sexual

Tamén ratifica a absolución de Miguel Rosendo con respecto a outros delitos e a do resto de acusados.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Supremo (TS) ditou sentenza na que confirma a resolución da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, e ratifica a pena de 9 anos de cárcere para Miguel Rosendo, fundador da orde de carácter relixioso coñecida como os ‘Miguelianos’ (Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo), por un delito de abuso sexual.

Así mesmo, tamén confirma a absolución con respecto a outros delitos dos que fora acusado, como o de agresión sexual e abuso sexual continuado (con respecto a outras persoas do grupo), coaccións, lesións, apropiación indebida, asociación ilícita e delito contra os dereitos dos traballadores. Tamén ratifica a absolución do resto de procesados.

Miguel Rosendo foi detido en 2014 e xulgado, xunto a outro seis acusados, en 2018. Na súa sentenza, a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno por abusar sexualmente dunha moza entre os anos 1996 (cando ela era menor de idade) e 2012, “con prevalemento e penetración”.

O tribunal provincial, no entanto, non considerou probado que Rosendo utilizase técnicas de adoutrinamento con fins coactivos, e tampouco viu probadas outras acusacións, das que o procesado foi absolto. Do mesmo xeito, tamén absolveu o resto de acusados (entre eles, a súa muller e os seus dous fillos).

RECURSOS DE CASACIÓN

Tanto a defensa de Rosendo como a acusación particular presentaron recursos, pero agora o Tribunal Supremo confirmou a sentenza da Audiencia.

O TS estima que a Audiencia foi “exquisita” á hora de “axustar a responsabilidade penal” aos feitos probados, que non houbo ánimo espúreo na declaración da vítima, que foi “coherente” e con “absoluta franqueza”.

O alto tribunal tamén entende que quedou acreditado o prevalemento do acusado sobre a vítima, que o consideraba alguén da súa familia, como un “auténtico pai” por quen sentía admiración.

Do mesmo xeito, tamén apoia a sentenza de instancia no relativo á absolución con respecto a outros delitos, ao non constar acreditado que se produciron actos sexuais “inconsentidos” así como outras supostas irregularidades.

Respecto diso, a sentenza lembra, tal e como apreciou a Audiencia, que os testemuños doutras supostas vítimas de abusos foron “deslabazados”, con “inexactitudes”, “omisións” e “contradicións”, polo que non se consideraron acreditados eses delitos.

Así, o Supremo rexeita os recursos de casación interpostos por Miguel Rosendo e pola acusación particular, aínda que si estima en parte as alegacións doutros acusados que, aínda que foron absoltos, presentaron recurso porque non se lle impuxeron as costas á acusación particular.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...