Un día despois de iniciar a desescalada das restricións na hostalaría e a mobilidade municipal, os datos da pandemia en Galicia seguen reflectindo a continua baixada das hospitalizacións. En concreto, hai 533 ingresados con covid en total –31 menos que 24 horas atrás--, dos que 114 estan en unidades de coidados intensivos (UCI) –tres menos–.
Ademais, de acordo cos datos feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade, con cifras solicitadas ata as 18,00 do venres, os casos activos caeron dos 6.000, ata situarse en 5.900, cifra máis baixa desde o 4 de xaneiro. Con todo, os novos casos de covid detectados por calquera tipo de probas mantéñense no mesmo número do día anterior: 272.
No que respecta á presión hospitalaria, só a área sanitaria de Vigo non rexistra descensos, pero suma só un novo ingreso, ata un total de 69 hospitalizados por coronavirus. Deles, seguen sendo 16 os que están en coidados intensivos.
En canto ao resto de áreas, todas diminuíron a cifra de ingresados. A da Coruña-Cee segue sendo a de maior presión, cun total de 177 hospitalizados –baixan en 10–, dos que 40 –dous menos– están na UCI.
Seguen á coruñesa a área de Ferrol, con 75 ingresados (-3), 10 deles (igual) en críticos; e a de Santiago-Barbanza, con 74 hospitalizados (-5), 17 deles (igual) en coidados intensivos.
A área de Pontevedra-O Salnés conta con 57 hospitalizados (-6), dos que están na UCI 17 (-1); Ourense-Verín-O Barco ten 43 (-6), cinco deles (os mesmos) en críticos; e a de Lugo-A Mariña-Monforte baixou a 38 os ingresados totais (-2), con 13 en coidados intensivos (-3).
MENOS CASOS ACTIVOS
Os casos activos proseguen a tendencia descendente ata situarse en 5.900, o que supón 373 menos. Todas as áreas sanitarias continúan en caída e soamente a da Coruña-Cee supera o milleiro.
Con todo, a coruñesa experimentou nos datos deste sábado unha caída de 129 pacientes que lle permitiu baixar do total de 2.000, ata situarse nos 1.890.
Séguelle a de Vigo, con 945 casos activos de coronavirus, tras descender en 49 no último día. Tamén caeron na área de Pontevedra-O Salnés, a 842 (-42); na de Santiago-Barbanza, a 645 (-49); e na de Ferrol, a 621 (-44).
As que menos pacientes teñen son a de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 591, tras baixar en 40 nas últimas 24 horas; e a de Ourense-Verín-O Barco, con 366, ao descender en 20.
CONTAXIOS ESTABILIZADOS
Con todo, o parte deste sábado reflicte unha estabilización dos novos casos de covid-19 detectados por calquera tipo de proba. Ata o momento, oficialmente contaxiáronse de coronavirus un total de 112.310 persoas en Galicia, o que permite saber que entre as 18,00 do xoves e as 18,00 do venres se tivo constancia de 272 infeccións novas –mesma cifra que a xornada anterior– a través de todo tipo de probas. Destas, 244 foron confirmadas cunha PCR.
Na área sanitaria da Coruña, nas últimas 24 horas detectáronse 110 positivos, unha lixeira repunta sobre os do día anterior. En cando ao resto, destacan as áreas de Vigo, con 46 novos contaxios; e Pontevedra, con 43. Así mesmo, a área de Lugo suma 23 positivos; a de Ourense, 20; a de Santiago, 17; e a de Ferrol, só 13 novos casos.
Ata a data as persoas que se contaxiaron de covid-19 en Galicia ascenden a 112.310. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, con 26.755 infectados desde o inicio da pandemia. Vigo acumula 21.122; Santiago-Barbanza, 17.941; Ourense-Verín-O Barco, 14.528; Pontevedra-O Salnés, 12.327; Lugo-A Mariña Monforte, 11.686; e Ferrol, 7.951.
FALECIDOS
Desde o inicio da pandemia, 2.220 persoas faleceron en Galicia tras ser diagnosticadas con coronavirus, despois de notificar Sanidade na noite deste venres a morte doutras sete.
Ata o momento curáronse de coronavirus 104.207 persoas.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.