InicioSociedadeDenuncian o abandono da tripulación dun barco vigués confinado por covid no...

Denuncian o abandono da tripulación dun barco vigués confinado por covid no Brasil

A CIG reclámalle ao Goberno central e á Xunta que actúen de inmediato e que se informe ás familias.

PUBLICADO O

Os 64 tripulantes do arrastreiro Venturer, con base no Porto de Vigo, atópanse desamparados en Brasil tras detectarse un gromo de covid a bordo que obrigou a confinalos . Por iso, desde a CIG reclámanlle aos Gobernos español e galego que actúen de inmediato para garantir unha atención axeitada aos afectados e que se informe ás familias do seu estado.

Segundo explica o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, a embarcación partiu do Porto de Vigo o pasado 14 de xaneiro para faenar no caladoiro das Malvinas tras facer as pertinentes probas de detección do novo coronavirus e pasar unha semana de corentena dun hotel da cidade. De feito, algúns dos tripulantes tiveron que quedar en terra tras dar positivo. “Como é posíbel que até o de agora ningunha autoridade do Estado español nin da Xunta se interesase polos tripulantes”, critica Aboi.

Arredor de 10 días despois varios dos embarcados comezaron a sentirse mal e a presentar síntomas compatíbeis coa covid, polo que o capitán do buque púxose en contacto co Centro Radio Médico de Madrid. “Como a situación empeoraba trasladáronse a Salvador de Bahía, a onde chegaron a madrugada do 28 de xaneiro, e alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, agás cinco dos tripulantes, que foron internados en centros hospitalarios con distinta gravidade”, sinala Aboi. Porque durante a travesía até a localidade brasileira a situación foi indo a peor, até o punto de que a metade da tripulación presenta síntomas.

ABANDONO

Diante disto, o responsábel sindical pregúntase “como é posíbel que até o de agora ningunha autoridade do Estado español nin da Xunta se interesase polos tripulantes”. Ademais, os afectados e as súas familias tiveron que agardar até este venres, 5 de febreiro, para que Puerta Prado, o grupo empresarial galego ao que pertence a embarcación, se puxese en contacto con eles. “O único que se sabía era porque algúns dos tripulantes puideron contactar cos seus achegados”, di.

Por iso, a CIG esíxenlle aos Gobernos español e galego “que se poñan mans á obra dunha vez” para saber o que está a acontecer con estas persoas, ao tempo que instan a empresa “a deixar de ocultar información e a poñerse en contacto cos tripulantes e coas súas familias”. Neste senso, a central sindical xa se dirixiu ás Administracións española e galega para reclamarlles unha actuación inmediata neste sentido. “Son cidadáns galegos e merecen a atención dos seus Gobernos”.

ÚLTIMAS

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da...

A vivenda tutelada de Cogami en Mos contará con cinco novas prazas públicas financiadas pola Xunta

A vivenda tutelada de Cogami no municipio pontevedrés de Mos contará con cinco novas...

O TSXG acolle o luns a apelación da condena de 20 anos ao home que asasinou á súa veciña na rúa Zamora de Vigo

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...