InicioSociedadeO temporal causa problemas en Vigo, O Porriño e Redondela

O temporal causa problemas en Vigo, O Porriño e Redondela

No campus universitario alcanzáronse refachos de vento de 77 quilómetros por hora, que nas Illas Cíes ascenderon a 105 e, nas inmediacións do Porto de Vigo, a 91.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A borrasca ‘Hortensia’, que afectou Galicia nas últimas horas, causou un accidente no Porriño tras a caída de varias árbores na A-55 e o levantamento da cuberta dun edificio de Redondela, que impactou no tellado do concello, onde creou un buraco.

O concelleiro de Medio de Redondela, Roberto Villar, precisou que os fortes refachos de vento rexistrados nas últimas horas provocaron o levantamento da cuberta dun inmoble anexo ao edificio consistorial que golpeou o tellado deste último, o que xerou un buraco de “varios metros cadrados”.

Do mesmo xeito, apuntou que efectivos dos servizos municipais desprazáronse a unha vivenda do Camiño da Bruxa, en Chapela, en cuxas inmediacións se produciu a caída dunha árbore. Como consecuencia, víronse afectados o muro, o soportal, un beirado do tellado e o cableado telefónico do inmoble, así como dous vehículos. Dado que a compañía aseguradora comunicou que non prestaría asistencia ata pasadas 72 horas, efectivos municipais retiraron os restos da árbore.

Adicionalmente, detectouse a caída dunha árbore na rúa Cubilló, en Chapela, que foi preciso retirar dado que obstaculizou o paso na vía, así como o desprazamento de colectores e letreiros en distintos puntos do termo municipal. O edil sinalou que o temporal tamén afectou a subministración eléctrica nas parroquias de Redondela.

ACCIDENTE NO PORRIÑO

Por outra banda, a borrasca ‘Hortensia’ produciu a caída de varias árbores sobre a A-55, á altura do Porriño, o que causou unha colisión en cadea de varios vehículos na madrugada deste venres que non deixou feridos.

Así, tras ser requirida polo 112 Galicia, a agrupación de voluntarios de Protección Civil retirou as árbores no punto kilómetrico 22, en sentido Tui, na recta do polígono das Gándaras.

Ademais, o servizo de Protección Civil recolleuárbores caídas nas zonas de Filgueira-Mosende e Casal do Vello-Torneiros e a estrada PO- 331, que discorre entre O Porriño e Gondomar. Tamén retirou un poste telefónico desprendido en Torneiros e chapas dun galpón en Chenlo, ademais de achicar balsas de auga en varios puntos do centro urbano do Porriño e o polígono da Granxa.

MÁIS DUN CENTO DE INCIDENCIAS EN VIGO

Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que entre as 22,00 horas deste xoves e as 8,00 horas deste venres os bombeiros e a Policía Local atendeu 114 incidencias debido á borrasca ‘Hortensia’.

En concreto, indicou que o temporal afectou a 34 árbores, dúas xanelas de vivendas situadas en edificios, un arco da iluminación do Nadal, un poste e un muro e causou a inestabilidade dunha estada de obra, que requiriu da actuación de efectivos municipais.

Paralelamente, a borrasca desprazou 32 colectores e provocou a caída de catro chapas e ferros e cinco valas, así como a dunha persoa que se atopaba nun caixeiro. O rexedor tamén sinalou que tres zonas da cidade quedaron temporalmente sen subministración eléctrica a causa do temporal.

Así mesmo, no campus universitario alcanzáronse refachos de vento de 77 quilómetros por hora, que nas Illas Cíes ascenderon a 105 e, nas inmediacións do Porto de Vigo, a 91.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...