InicioSociedadeCondenan o Sergas a pagar 44.000 euros á familia dun falecido vigués...

Condenan o Sergas a pagar 44.000 euros á familia dun falecido vigués ao que diagnosticaron tarde un neumotórax

A xuíza sinala que houbo "unha grave demora dos servizos médicos do Sergas ante un paciente cunha patoloxía severa".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Santiago ditou unha sentenza na que estima parcialmente un recurso presentado pola familia dun paciente transplantado de pulmón de Vigo, que faleceu a causa do diagnóstio tardío dun neumotórax, que derivou nunha infección, e condena o Sergas e á súa aseguradora a pagar unha indemnización de 44.000 euros máis intereses.

Segundo a sentenza, que non é firme, os servizos médicos do Sergas incorreron nunha grave demora, ao non detectar un neumotórax cando o paciente acudiu a Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O problema foi diagnosticado unha semana despois, cando a situación do home xa empeorara de forma irremediable.

Os feitos remóntanse a principios de 2014, cando J.M.I., de 57 anos de idade e transplantado de pulmón desde 2009, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital Meixoeiro de Vigo, onde se lle diagnosticou unha reagudización da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica (EPOC), e quedou ingresado durante case tres semanas.

Tras recibir o alta, e varios días despois, volveu atoparse mal, e optou por acudir o 13 de febreiro ao servizo de Urxencias do CHUAC (onde se lle fixo o transplante). Alí realizáronselle varias probas, entre elas radiografía de tórax, e foi enviado ao seu domicilio tras confirmar o diagnóstico de reagudización da EPOC.

Unha semana despois, tras empeorar, volveu ao CHUAC e os facultativos revisaron a radiografía que se lle fixo sete días atrás. Nela percibíase que xa tiña un neumotórax no pulmón dereito, e a súa situación agravouse. Así, foi ingresado e intervido poucos días despois, pero non logrou recuperarse e faleceu o 17 de marzo.

DIAGNÓSTICO TARDÍO

O avogado Cipriano Castreje, que representa a familia do falecido neste procedemento, sinalou que J.M.I. debía ser hospitalizado a primeira vez que chegou a Urxencias do CHUAC, para que o sometesen a unha drenaxe “de inmediato” e lle administrasen antibióticos por vía intravenosa.

Con todo, non foi tratado ata unha semana despois e empeorou. De feito, na súa sentenza, a xuíza sinala que houbo “unha grave demora dos servizos médicos do Sergas ante un paciente cunha patoloxía severa de modo que, en termos de causalidade física, o atraso no diagnóstico e no tratamento determinou o dano sufrido“.

A maxistrada conclúe que “non se puxeron a disposición do paciente os medios e coñecementos da sanidade pública para previr e evitar” o seu falecemento, cunha demora de sete días no diagnóstico.

Por todo iso, e ponderando que a media de vida deste paciente tras o transplante de pulmón estableceuse en 11 anos, o tribunal determinou que o Sergas e a súa aseguradora deberán indemnizar á familia do falecido en 44.000 euros máis intereses.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Vigo e a crise do capitalismo global

Vigo, a cidade máis poboada de Galicia e un dos motores económicos do noroeste...

O BNG de Vigo alerta do “avance descontrolado” dos pisos turísticos e pide inspeccións e unha ordenanza municipal que os limite

O BNG de Vigo alertou do "avance descontrolado" dos pisos turísticos e pediu ao goberno local...

Caso ‘Karar’: impugnan as notas da DEA tras confirmarse que os axentes da axencia americana non declararán

Varios dos avogados defensores no xuízo que se celebra contra 28 acusados polo alixo...

O Concello de Vigo presentarase por terceira vez aos fondos do PERTE do ciclo da auga

A Xunta de Goberno Local de Vigo, nunha sesión extraordinaria e urxente celebrada este...