A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos de Vigo e Comarca, (FOANPAS) abriu unha canle de difusión de textos dentro da súa páxina web. O obxectivo é abrir un foro de opinión para ofrecer información, lecturas e opinións que permitan chegar a posicións de consenso sobre diversos temas que afectan ao aspecto educativo dos máis novos.
FOANPAS busca que todos os sentires, necesidades e vulnerabilidades estean dentro da canle que acaba de abrir. Queren evitar que se dean situacións de discriminación, segregación e desigualdade. Isto implica opinións diversas sobre a situación educativa que se está a vivir e como está a ser resolta.
“Ninguén estaba preparado para isto” di Bertila Fernández, da directiva de FOANPAS, sobre o actual estado de alarma. É por iso que desde a Federación estudan como será a volta ao curso que vén. Para iso son conscientes de que “é necesario un debate sobre cara onde imos, como se está facendo e se chega a educación a todos os nenos e nenas” nas actuais circunstancias.
Fernández cre moi necesario atender as necesidades especiais do alumnado, con prioridade sobre as necesidades emocionais de mozos e mozas, debido á posible saturación por estar confinados dentro das súas casas. Ademais, non esquecen a fenda dixital que impide o desenvolvemento en condicións iguais dos estudantes. “Hai familias que só teñen conexión a Internet mediante datos, por tanto os estudantes non poden facer todas as tarefas telematicamente”.
Ao final, as achegas que reciba a web de FOANPAS servirán para ter un posicionamento “claro” sobre as diferentes cuestións relativas aos estudantes e as súas familias. Desta maneira poderase ofrecer información e formación aos diferentes actores implicados na educación infantil, primaria e secundaria.