InicioSociedadeFamiliares de maiores denuncian a falta de médico de garda na residencia...

Familiares de maiores denuncian a falta de médico de garda na residencia de Aldán, con 102 positivos

"Como se deixa sen médico a toda esa xente que deu positivo e non se atopa ben?", pregúntase unha achegada dun usuario. Ao parecer, durante as tardes e as noites da fin de semana, os residentes só eran atendidos polo persoal do PAC. O "caos" na xestión e a "falta de transparencia" son as principais críticas cara a DomusVi de Cangas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Familiares de maiores da residencia DomusVi de Cangas, en Aldán, denuncian a ausencia de médico “durante a tarde e noite do sábado e a tarde e noite deste domingo” no centro, que concentra 102 casos positivos de coronavirus.

Así o trasladou a familiar dun home que vive nesa residencia, Amelia Pérez, en declaracións a Europa Press. Asegura que hai un “gran balbordo” entre os veciños do Morrazo que teñen a familiares vivindo nesta residencia pola “falta de información” e o “caos” de xestión.

Agora que este centro foi intervido pola Xunta, Amelia Pérez denunciou que durante este fin de semana ten constancia de que “non hai un médico de garda durante as tardes e as noites”. A súa irmá chamou á residencia para coñecer o estado do seu familiar e na mesma chamada preguntou pola presenza sanitaria. “Nós preguntamos e dixéronnos que non” ía haber médico “durante a tarde e noite do sábado” nin tampouco do domingo, sinalou.

Lembra que nas instalacións están activos 102 casos de coronavirus das 150 prazas existentes. Critica que “os avós” estean “desamparados” e pregúntase: “como se deixa sen médico a toda esa xente que deu positivo e non se atopa ben?”.

Fontes da Xunta de Galicia explicaron que “médicos do Sergas realizan un seguimento especial diario ás persoas confirmadas con COVID-19” e que “ante calquera urxencia tamén existe unha total coordinación cos servizos sanitarios de atención primaria e hospitalaria”.

Pola súa banda, Amelia Pérez precisou que esas “urxencias” que menciona a Administración autonómica son atendidas -ante a ausencia de médico de garda- polos “profesionais do Punto de Atención Continuada de Cangas, que se desprazan ata as instalacións de Aldán” se un paciente necesitase ser atendido cando o médico non está no centro, é dicir, durante as tardes e noites dos fins de semana.

“ABANDONADOS Á SÚA SORTE”

A familiar afectada cre que a distancia entre a PAC e a residencia é de “10 minutos” e que esa diferenza de tempo supón deixar aos máis maiores “abandonados á súa sorte”.

Relata que o seu familiar “deu negativo no primeiro test”, pero o domingo pola mañá estaba pendente do resultado da segunda proba. Critica que os familiares teñan noticias do que alí ocorre “pola prensa” e tamén a falta de “transparencia” na información que se achega, “mesmo agora que está intervida pola Xunta”.

Recoñece que é “complicado” xestionar esta situación, pero demanda información “para as familias, sexa boa ou mala” e que se proceda aos “traslados” dos pacientes que deron negativo nas PCR para evitar o contaxio.

“REFORZO” DE PERSOAL

Ante esta situación que retrata unha das familiares afectadas, a Administración autonómica asegura que a intervención na residencia de Aldán “está centrada no aspecto sanitario”.

Por ese motivo “o Sergas reforzou” o persoal “cunha coordinadora de enfermaría, 13 enfermeiras e 14 auxiliares”. Cinco delas entrarán mañá. Todas elas súmanse a dous médicos, tres enfermeiras e 36 auxiliares que xa traballaban nesta DomusVi Cangas.

Ao mesmo tempo, o Goberno galego sinalou que oito persoas deron negativo no segundo test realizado aos usuarios da residencia e que ao longo da mañá deste domingo “foron trasladadas á residencia de tempo libre de Panxón”; mentres que outras dúas “seguen pendentes de confirmar o seu negativo”.

SITUACIÓN DE RESIDENTES

Amelia Pérez explicaba que o seu familiar dera un resultado negativo na primeira PCR que se lle fixo, pero que “o seu compañeiro de habitación estaba diagnosticado con COVID-19” e “seguían xuntos”. Segundo explica, o médico aclarou que existían posibilidades de ser “un falso negativo” e que por iso tomaron a decisión de deixalo no mesmo cuarto.

Con todo, fontes da Xunta precisaron que “as persoas confirmadas” con coronavirus “están illadas tanto daquelas que teñen confirmado o seu negativo como das que aínda están pendentes”.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...