InicioSucesosUn veciño de Vigo, xulgado por tráfico de drogas e lesións, nega...

Un veciño de Vigo, xulgado por tráfico de drogas e lesións, nega tódolos cargos que se lle imputan

O acusado nega os feitos e asegura que non vendía a droga, senón que era o comprador, así como que golpeou aos policías "porque estaba preocupado pola súa cadeliña", e que non posuía senón que só "gardaba" as cantidades de heroína, metadona e marihuana atopadas na súa casa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un veciño de Vigo, R.P.R, alias ‘El Bayona’, foi xulgado este martes por dúas causas distintas na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra. A Fiscalía pide para el penas que suman 17 anos de prisión por varios supostos delitos: dous de tráfico de drogas, un de lesións e outro de atentado contra axentes policiais.

A sala prevía celebrar as dúas vistas de forma consecutiva este martes, pero dáse a circunstancia de que, debido á incomparecencia dunha testemuña (que se presentou máis tarde) e a problemas técnicos, ámbalas vistas fóronse intercalando: iniciouse a primeira e suspendeuse, iniciouse a segunda e suspendeuse, volveuse a retomar a primeira, etcétera.

En todo caso, a ausencia doutras testemuñas provocou que, aínda que declarasen xa acusado, policías e algunhas testemuñas, as vistas terán que continuar o próximo 20 de xuño.

Cocaína e outras drogas / Photopin

No primeiro dos procedementos, ‘El Bayona’, que foi condenado anteriormente por tráfico de estupefacientes, está acusado de vender heroína a un mozo na zona de Isaac Peral de Vigo en xuño de 2017. Cando foi detido, opuxo forte resistencia e supostamente agrediu e ameazou aos axentes de Policía, aos que advertiu de que tiña un rifle e que lles pasaría “factura” en canto queda libre, segundo aseguran os axentes.

No segundo caso, está acusado dos supostos delitos de lesións e tráfico de drogas, e os feitos que se xulgan remóntanse a decembro de 2016. Segundo a Fiscalía, R.P.R. mantivo, na súa casa, unha discusión cun home ao que ía vender droga, por unha diferenza de 10 céntimos no prezo da transacción.

No transcurso da pelexa, sostén a acusación pública, feriu cunha navalla ao comprador, polo que foi detido. A Policía Xudicial atopou no seu domicilio diversas cantidades de heroína, marihuana e metadona, así como útiles para a súa manipulación e venda.

DEFENSA

Tanto nunha vista como noutra, o acusado negou os cargos que se lle imputan. No primeiro caso, aseverou que non estaba a vender droga, senón comprándoa, a pesar de que tódalas testemuñas policiais manifestaron que o viron coller o diñeiro do comprador, e explicou que a súa resistencia no momento da detención foi froito da preocupación polo que podería pasarlle a unha cadeliña que estaba con el nese momento.

No outro caso, ‘El Bayona’ tamén afirmou que o suposto comprador da droga era en realidade a persona que a vendía, e mantivo que foi esa persona quen lle atacou a el por unha débeda de 80 euros. “A navalla sacouma el, e eu defendo a miña casa”, xustificou, e alegou que a droga atopada no rexistro non era da súa propiedade, senón do presunto comprador, que lla deu para que a gardase.

A defensa de R.P.R. pediu, en ambos os procedementos, a libre absolución do acusado, que confirmou na súa declaración que é consumidor habitual de heroína e alcohol.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...