InicioSociedadeDenuncian "elevados índices de contaxios" entre os sanitarios de Vigo

Denuncian “elevados índices de contaxios” entre os sanitarios de Vigo

CESM acusa á Xunta de "poñer en risco" a vida dos profesionais sanitarios por falta de medios

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) esixe ao Sergas que, “con carácter urxente e inmediato”, dote “a todos os centros sanitarios do material imprescindible para unha adecuada protección dos profesionais” co fin de evitar o contaxio e a propagación do Covid-19.

Así, a través dun comunicado de prensa, responsabiliza ao Servizo Galego de Saúde “dos riscos que están a correr os profesionais sanitarios que se enfrontan a diario ao coronavirus sen os mínimos equipos de protección”.

Este sindicato médico lembra que o pasado 18 de marzo remitiu un escrito ás direccións xerais de Recursos Humanos, Asistencia Sanitaria e Recursos Económicos para que “se adoptasen as medidas precisas en canto a dotación orzamentaria, reforzo de persoal e medios materiais cos que facer fronte ao virus e tratar de conter a pandemia”, matizou.

Unha semana despois os facultativos seguen traballando sen unhas mínimas garantías, sen os EPIs, sen as máscaras FFP2 e FFP3 homologadas e sen as lentes necesarias, e o único que vemos é como se incrementa o número de contaxios e de falecidos, sobre todo nos complexos hospitalarios de Vigo e A Coruña, onde o contaxio esténdese como a pólvora e os equipos de protección non chegan, provocando unha situación de extrema gravidade”, subliña CESM.

ACCIÓNS LEGAIS

Ante esta situación os representantes sindicais non descartan “emprender accións legais contra a Xunta”, advertiu CESM, xa que “se está constatando a diario o incumprimento da Lei de Riscos Laborais, ao ter que traballar os profesionais sanitarios sen as mínimas medidas de protección”.

CESM Galicia manifesta que, aínda que entende que existe un mando único á fronte da crise do Covid-19 en Madrid constituído polo Goberno de España, “o Sergas é quen ten que velar pola integridade dos seus profesionais“, sentenciou.

ÚLTIMAS

O xulgado solicita á Policía Local información e documentos sobre o ‘Saltamontes’ no que morreu un mozo en 2024

O xulgado de instrución 3 de Vigo, que investiga o accidente sucedido en agosto do...

Stellantis Vigo volve apelar á “flexibilidade” e redución de custos ante a competencia “desapiadada”

O director de Stellantis Vigo, José Luís Alonso Mosquera, apelou este venres á "flexibilidade"...

O financiamento de ‘Peiraos do Solpor’ enfronta a Caballero e Autoridade Portuaria, que se piden mutuamente “lealdade institucional”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu novamente este xoves contra o Porto olívico, ao que...

Carla Simón desenterra en Cannes os recordos dunha xeración “perdida” pola sida co filme ‘Romería’, rodada en Vigo

A cineasta Carla Simón desenterrou no Festival de Cannes os recordos da xeración dos...