O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu o pasado 18 de marzo en rolda de prensa despois de presidir unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativa, ademais do Consello da Xunta, para detallar a habilitación de máis medidas e máis persoal para ofrecer na contención da pandemia do coronavirus.
“É necesario seguir habilitando medidas para a contención do virus, intentando aprender da experiencia doutros países e rexións”, explicou, incidindo en que este obxectivo foi o que marcou a reunión do Cecop.
Entre as medidas adoptadas no ámbito sanitario, destacou que o centro de coordinación está a definir hoteis aptos e accesibles para asumir hospitalización en caso de ser necesario. “Xa temos contactado coas 6 federacións de hostaleiros de Galicia para cotexar as dispoñibilidades dos establecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou.
A noticia non pillou por sorpresa a algúns colectivos cidadáns que pedían a utilización das infraestruturas sanitarias pechadas en Vigo.

Hospital psiquiátrico do Rebullón

Con capacidade para 500 camas. Reformado e reinagurado como hospital psiquiátrico en 1976, foi un hospital revolucionario no tratamento de enfermidades mentais. Non existían reixas nin camisas de forza, nin tratamentos con electroshocks. Foi pechado en xaneiro de 2016 e os últimos 70 pacientes foron reubicados no hospital Nicolás Peña.
Actualmente é utilizado como almacén con camas e material procedente do antigo Hospital Xeral Ciés de Vigo
Policlínico Cíes

Construído en 1967 e inagurado no 76 baixo o trazo do arquitecto Xosé Bar Bóo. 3700 m2 distribuidos en seis plantas, contaba con dous quirófanos operativos ata 2015. Foi pechado en novembro de 2015.
O Sergas devolveuno á Tesourería da Seguridade Social, que optou primeiro por allealo a través dunha poxa pública, cun prezo de partida de 3,5 millóns de euros. quedando deserta en maio de 2017.
Abriuse entón un prazo dun ano para a súa adxudicación directa en condicións non inferiores ás da poxa. Ninguén presentou unha oferta. Finalmente pasou a mans de Ibermutua, logo de pechar un acordo coa Seguridade Social.
Ambulatorio de Coia

Propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, foi pechado en setembro de 2015 logo de catro décadas de servizo.
Ambulatorio de día para os residentes da zona, e centro de especialidades na súa última etapa. Acollia as consultas externas de fisoterapia, obstetricia, xinecoloxía , dermatoloxía e Centro de Orientación Familiar.
Centro Integral Traboada Leal

Construción Anexo II do antigo hospital Xeral Cíes. Antigo hospital de día pechado en 2017 e reconvertido a Centro Integral de Saúde. Integra servicios ambulatorios de atención primaria e urxencias extra-hospitalarias (PAC Vigo).
En 2008 os Anexos I e II foron reformados e contaban con: planta de rehabilitación, vestiarios, planta de urxencias pediátricas, nova zona de admisión de urxencias de adultos e pediatría, 2 boxes de urxencias (1 deles con reanimación cardio-pulmonar) , unha planta de hospital de día oncolóxico, un bloque cirúrxico de seis quirófanos cunha planta de reanimación de 21 camas, un tren de lavado, unha central de esterelización e unha unidade de fertilización inVitro.
Policlínico do Meixoeiro

Construído en 1989, sendo hospital xeral de referencia con todas as especialidades, aparte de albergar as especialidades específicas de oncoloxía e cardioloxía da área sanitaria de Vigo.
Con capacidade para 347 camas. En 2018 sindicatos e traballadores pecháronse no seu interior protestando polo peche de 150 camas, o que na totalidade supuña que a apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro só incrementaría a capacidade hospitalaria en 6 camas para a área de Vigo, logo de pechar o resto de centros sanitarios.
Suprimiuse camas e actividade cirúrxica desmantelando ou reducindo servizos domo Unidade de Coidados Intensivos (UCI), Reanimación (REA) onde só quedan camas de espertar, ou o Servizo de Urxencias. Outros servizos que sufriron recortes neste centro hospitalario foron os de radioloxía e traumatoloxía, a pesar de que soporta unha gran carga de traballo.
Cando as camas eran só importantes para os hoteis

A resposta do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña sobre o peche de 1200 camas hospitalarias en Galicia foi duramente contestado cando declarou que “As camas son importantes en hoteis e non tanto en hospitais” en resposta ás críticas do BNG polo peche continuado de prazas hospitalarias.